Nova: O Premio de Poesía Afundación pecha este venres o prazo de presentación de obras

28/05/2019

O Premio de Poesía Afundación pecha este venres o prazo de presentación de obras

A Consellería de Cultura e Turismo colabora con Afundación e o Centro Pen de Galicia na organización deste certame co obxectivo de estimular a creación literaria

As obras deberán ser inéditas, escritas en galego e cun mínimo de 600 versos

  • Premio Poesía Afundación

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019.- Afundación, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia convocan a 17ª edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

As persoas interesadas en participar poderán presentar obras inéditas, que non concorresen a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata este venres 31 de maio.

O xurado estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e como presidente exercerá o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no verán de 2019.

O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

O galardón naceu no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual.

Esta edición número dezasete conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria.

Un certame de referencia

Xunto coa dotación económica de 6000 euros, o galardón implica a publicación da obra gañadora na colección Arte de Trobar. Foi no ano 2002, a instancias do Centro PEN de Galicia e de Afundación, cando o premio botou a andar premio. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa ou Gonzalo Hermo, gañador da pasada convocatoria.

O premio, que celebra a súa 17ª edición, conta desde hai anos co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria.

Os interesados atoparán as bases e toda a información relativa ao certame na páxina web de Afundación.

Comparte