Nova: Ourense acolle a filmación da longametraxe de Matriuska Producións "Que fixemos mal?"

14/05/2019

Ourense acolle a filmación da longametraxe de Matriuska Producións "Que fixemos mal?"

A Xunta apoia a película da produtora pontevedresa que dirixe e protagoniza Liliana Torres, cos galegos Xúlio Abonjo e Melania Cruz no reparto

Ourense, 14 de maio de 2019.- O equipo da película Que fixemos mal? continúa a súa rodaxe en Galicia, con localizacións no Courel, Vigo e Ourense. Na capital da provincia ourensá fílmanse estes días diferentes escenas da primeira longametraxe da directora catalá Liliana Torres, producida pola compañía pontevedresa Matriuska co apoio económico da Xunta de Galicia.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste proxecto, nun encontro informativo que tivo lugar no emblemático Café Latino, un dos escenarios da rodaxe. No acto participaron tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, o produtor Daniel Froiz, a directora e protagonista, Liliana Torres, e Xúlio Abonjo, un dos actores galegos que integran o elenco xunto con Melania Cruz ou Jorge Roldán, entre outros.

A rodaxe arrancou o pasado 29 de abril en Seoane do Courel e desenvolveuse tamén en Barbadás e no aeroporto vigués de Peinador, entre outros lugares. Trala súa estadía en Galicia, o equipo continuará a rodaxe a partir de setembro ata finais de ano en Barcelona, Cidade de México e Verona (Italia).

Na súa intervención, o director da Agadic valorou de xeito moi positivo o desenvolvemento deste novo proxecto audiovisual galego, “que avanza —dixo— dun xeito firme no camiño da súa distribución internacional, dándolle forma ademais a un guión que está a ser rodado en catro idiomas”. Tamén fixo referencia á calidade da nómina de profesionais dos ámbitos artístico e técnico: “un equipo no que se atopan moitos nomes galegos coñecidos e recoñecidos, e cuxo traballo estes días está a dinamizar os recursos da nosa industria audiovisual”, expresou.

Que fixemos mal?, rodada en galego, castelán, italiano e inglés, está coproducida pola distribuidora independente Avalon e a produtora barcelonesa Miss Wasabi, da que é presidenta Isabel Coixet. Conta tamén con participación de Televisión de Galicia (TVG) e de Televisión Española (TVE).

A fita é a historia dunha ficción construída sobre unha realidade: a da reflexión sobre os erros cometidos na vida co tema central das relacións e das crises de parella.
 

Comparte