Nova: A MITEU baixa o telón este ano tras ofrecer máis de 30 representacións

11/05/2019
A MITEU baixa o telón este ano tras ofrecer máis de 30 representacións
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na clausura da Miteu no Teatro Principal
Ourense, 11 de maio de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) que se celebrou desde o 25 de abril en diferentes espazos da cidade.
Na edición deste ano, que contou coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, participaron compañías universitarias e profesionais de Galicia, do resto do Estado e do exterior que ofreceron 30 representacións de diversos xéneros e estilos no Teatro Principal, no Auditorio Municipal ou en diferentes localizacións do Campus Universitarios. Ademais, tamén houbo funcións de acceso libre no Café Auriense e en espazos públicos da cidade de Ourense como a praza de San Martiño, a rúa do Paseo e a praza Maior.
Nesta vixésimo cuarta edición, a MITEU mantivo as súas liñas programáticas fundamentais, con espectáculos de teatro universitario galego, portugués e de diferentes comunidades autónomas do resto do Estado, xunto con compañías profesionais e grupos invitados tanto estatais como internacionais. Participaron nesta ocasión compañías de Portugal, Chile, Costa Rica, Nicaragua, México e Holanda.