Nova: María Arceo busca a concienciación ecolóxica a través do arte no Gaiás

11/05/2019
María Arceo busca a concienciación ecolóxica a través do arte no Gaiás
O Gaiás presentará unha intervención artística de María Arceo con plásticos recollidos no río Sar e na costa galega
A artista compostelá participou esta mañá na limpeza de refugallos neste río de Santiago, dentro da campaña ‘Let´s clean up Europe!’
A instalación no Gaiás leva por título ‘Plástico a mareas’, xa que alerta sobre a contaminación nas praias galegas
As accións en Galicia desta campaña europea están promovidas por Viaqua, patrocinadora desta intervención no Gaiás que se inaugura o 5 de xuño
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia presentará o 5 de xuño, nas Torres Hejduk, Plástico a mareas, unha intervención de María Arceo realizada a partir de refugallos deste material recollidos do río Sar e da costa galega para denunciar a contaminación na nosa contorna. Precisamente, hoxe a artista compostelá retirou en Santiago lixo neste caudal, dentro da iniciativa europea Ocean Initiatives Let´s clean up Europe! de recollida de desperdicios en espazos naturais.
As accións en Galicia de Let’s clean up Europe! están promovidas por Viaqua, patrocinadora da intervención de María Arceo nas Hejduk. Onte venres tamén se levou a cabo unha iniciativa similar no río Lonia, en Ourense. Tanto nesta limpeza, como na de hoxe no río Sar, procúrase unha chamada de atención á cidadanía co obxecto de sensibilizar do exceso de lixo que produce a sociedade actual. Da mesma forma, trátase dun xeito de implicar a poboación en diminuír este consumo e tamén na redución da contaminación.
Precisamente, a intervención artística de María Arceo, Plástico a mareas, alerta da enorme cantidade de plástico que se consume e do grave risco que supón isto para os fondos mariños e praias. De aí, a súa participación na campaña de limpeza de hoxe no río Sar en Santiago de Compostela, a súa cidade natal, aínda que leva vivindo en Londres desde 1984.
Ademais deste lixo, Plástico a mareas comporase dos refugallos de plástico que María Arceo está recollendo das súas batidas por praias galegas durante este mes de maio. Á vez, ten aberta unha campaña de colaboración para que todas aquelas persoas que, de xeito individual ou en colectivos estean a facer limpezas no litoral galego, traian o recollido para que forme parte da intervención. Deste xeito, a artista pretende tamén pór en valor a aportación desinteresada da xente na mellora da situación do noso medio.
Inauguración o Día Internacional do Medio Ambiente
Plástico a mareas inaugurarase o 5 de xuño, coincidindo ex profeso co Día Internacional do Medio Ambiente, xa que a artista compostelá María Arceo ten unha elevada sensibilidade e preocupación ante a contaminación dos espazos naturais, sobre todo da producida polos plásticos.
Así, tamén no río Támesis levou a cabo unha limpeza similar á de hoxe no Sar e todas as súas instalacións e intervencións van encamiñadas nesta liña de denuncia e alerta sobre a contaminación provocada polo exceso de consumo de plástico.
As Torres Hejduk foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. É un espazo que habitualmente acolle intervencións artísticas, tamén dentro da programación do Encontro de Artistas Novos (#EAN), que nesta novena edición exhibirá Stay here, de Alejandro Ginés.