Nova: A XIV Bienal Pintor Laxeiro homenaxea ao pontevedrés Manuel Moldes

10/05/2019
A XIV Bienal Pintor Laxeiro homenaxea ao pontevedrés Manuel Moldes
Lalín (Pontevedra), 10 de maio de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu á apertura da XIV Bienal Pintor Laxeiro, que este ano homenaxea ao artista pontevedrés Manuel Moldes, falecido en 2017, e na que participan unha vintena de artistas.
O titular de Cultura e Turismo fixo alusión ao destacado traballo de Moldes e o seu compromiso coa arte galega. Foi membro da Real Academia de Belas Artes, profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra, integrante do colectivo renovador Atlántica e unha peza clave para comprender a arte feita en Galicia “como creador e como mestre de varias xeracións de artistas galegos”, apuntou Román Rodríguez. Ademais, destacou que o artista tiña fortes vínculos con Lalín e co Deza, xa que participou en varias ocasións nesta Bienal, foi cartelista da Feira do Cocido e recibiu a Medalla Amigo da Fundación A Solaina de Piloño en 2006.