Nova: Máis e mellores dotacións bibliográficas para un cento de concellos galegos

10/05/2019

Máis e mellores dotacións bibliográficas para un cento de concellos galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas, por un importe total de 650.000 euros, que teñen como obxectivo ampliar a oferta das bibliotecas e axencias de lectura municipais

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo vén de resolver a concesión de axudas por un importe total de 650.000 euros para a mellora das coleccións bibliográficas e a dotación de novidades editoriais en máis dun cento de concellos galegos. Os dous programas teñen como beneficiarios os municipios galegos titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A primeira liña de axudas, destinada a subvencionar a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, beneficiará a 151 concellos e conta cunha dotación orzamentaria de 250.000 euros. O obxectivo deste programa é ofrecer aos usuarios e usuarias ditas novidades editoriais no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais.

Unha vez adxudicada a subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na cal incorporarán as súas novidades editoriais todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

O segundo programa, dedicado a mellora das coleccións bibliográficas, ten como beneficiarios un total de 128 concellos e as axudas alcanzan un importe total de 400.000 euros. Este programa ten como finalidade actualizar as coleccións para que as bibliotecas planifiquen as adquisicións de novidades editoriais. O obxectivo deste proxecto é incrementar a oferta e o servizo aos usuarios destes centros, atendendo de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

A resolución íntegra, coa contía das axudas e os concellos beneficiados, pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

Comparte