Nova: ‘Canta, miña pedra, canta’ en Boiro, Vilagarcía e Barbadás

03/05/2019

‘Canta, miña pedra, canta’ en Boiro, Vilagarcía e Barbadás

A proposta busca aproximar ás familias ao universo do autor ao que este ano se lle dedica o Días das Letras Galegas

O músico Xoán Curiel e a actriz Charo Pita protagonizan un espectáculo que fusiona a música e a narración oral

A entrada ás funcións deste programa de dinamización lingüística é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos
 

  • Canta, miña pedra, canta Canta, miña pedra, canta

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2019.- O Falaredes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, centrará a súa programación esta fin de semana nas vilas de Boiro, Vilagarcía e Barbadás, onde se poderá ver a actividade Canta, miña pedra, canta. A primeira para terá lugar hoxe, venres, ás 20,00 horas, na Casa da Cultura Martínez López de Boiro. Mañá, sábado 4, a actividade poderá gozarse en Vilagarcía de Arousa (no Salón García, ás 12,00 horas) e o domingo 5 en Barbadás (na Casa da Cultura Manuel María, ás 19,00 horas).

Canta, miña pedra, canta é a nova actividade que ten en carteleira esta primavera o FalaRedes 2019. O músico Xoán Curiel e a actriz Charo Pita son os encargados de achegarlle ás familias a obra de Antonio Fraguas, autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas. O espectáculo combina narracións tradicionais con cantigas populares que Fraguas recolleu nun dos seus libros máis significativos: Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. A obra está especialmente pensada para nenos de entre 6 e 12 anos. Como é habitual neste programa, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos elixidos.

A actividade que se estreou o pasado 23 de marzo en Noia, percorrerá ata o 31 de maio 14 concellos galegos. Despois das citas desta fin de semana en Boiro, Vilagarcía e Barbadás, Canta, miña pedra, canta aínda poderá verse este mes de maio noutros dous municipios: A Estrada e Ames. A cita coas familias estradenses terá lugar o vindeiro sábado, día 11, no Teatro Principal. A despedida será o venres, día 31, na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames).

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Comparte