Nova: Máis de catro horas de ‘Cidade Imaxinaria’ no Gaiás

27/04/2019
Máis de catro horas de ‘Cidade Imaxinaria’ no Gaiás
Cunha programación familiar gratuíta e ao aire libre, a diversión inundou o complexo con espectáculos acrobáticos, 'clown' ou teatro
A cativada puido gozar de catro horas ininterrompidas de actividades que incluíron unha escola de saltimbanquis, xogos de enxeño elaborados con materiais de refugallo ou un gran labirinto de cor na Praza Central do Gaiás
Zonas para o descanso, postos de petiscos para a merenda e un reforzo no servizo de bus urbano que conecta co centro de Santiago completaron a oferta do evento
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia volveu converterse esta tarde de sábado nun mundo onde mandaron a imaxinación e a fantasía. Foi grazas á Cidade Imaxinaria, un evento lúdico e familiar que se celebra todos os veráns desde hai nove edicións e que, desde o ano pasado, incorpora unha segunda cita en abril para encher de diversión a primavera compostelá. Ademais de festexar a chegada do bo tempo, con este evento o Gaiás quixo conmemorar tamén o Día Internacional do Circo -celebrado a pasada semana- cunha programación chea de acróbatas, malabaristas, trapecistas, clowns e saltimbanquis que conquistaron todos os recunchos do complexo.
Cidade Imaxinaria Primavera ofreceulles ás persoas asistentes unha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, na que durante catro horas ininterrompidas os xogos de enxeño, instalacións e espectáculos itinerantes compartiron espazo e programación con acróbatas, equilibristas, funcións de teatro e clown, e outros contidos de temática circense que conquistaron a cativada.
Entre as 16,00 e as 20,00 horas os espectáculos sucedéronse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura. Así, tanto a Praza Central como o anfiteatro ao aire libre do novo Xardín do Teatro -aberto ao público desde a pasada Semana Santa- acolleron funcións de novo circo, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para conter o alento. Actuacións itinerantes cheas de cor, como a dos Coruscantes -seres de fantasía que se desprazaron polo complexo acompañando as familias- fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas.
Escola de saltimbanquis e un gran labirinto de cor
Nunha cita que chegaba só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltou tampouco a xa tradicional escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria, que incluíu catro espazos onde a cativada puido deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.
Os exteriores do Gaiás acolleron tamén vistosas e divertidas instalacións que incluían xogos de enxeño creados a partir de materiais de refugallo ou un labirinto de paredes de cor, repleto de encrucilladas e corredores con adiviñas visuais e probas de habilidade. Un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos e unha zona de relax a modo de taberna de fantasía con esculturas de cores rechamantes e formas imposibles completou a oferta de ocio familiar desta Cidade Imaxinaria Primavera, na que non faltaron tampouco os postos de bebida e petiscos doces e salgados cos que repor enerxías.
Para facilitar que as familias se achegasen a esta xornada festeira contouse con reforzo no servizo de autobuses, que se sumou ás habituais Liñas 9 e 11 que conectan o Gaiás co centro de Compostela.
Nova cita o 24 de agosto
Cidade Imaxinaria volverá ao Gaiás o vindeiro sábado 24 de agosto na súa tradicional cita de verán, novamente cunha tarde chea de cor, diversión e espectáculos abraiantes para toda a cativada con entrada libre e de balde.