Nova: A Alameda de Compostela énchese de libros

26/04/2019

A Alameda de Compostela énchese de libros

A cidade convértese nun punto de encontro para autores e lectores e cita cultural de referencia, con máis de 40 actividades durante os seus nove días de duración

A Consellería de Cultura e Turismo colabora coa Federación de Librarías de Galicia na organización desta actividade, na que tamén participa a biblioteca de xestión autonómica Ánxel Casal
 

  • Cartaz da Feira do Libro de Compostela

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2018.- A XXXVIII Feira do Libro de Santiago de Compostela abre o domingo as súas portas no céntrico Paseo da Alameda, onde os expositores das librarías estarán presentes ata 5 de maio. Trátase dunha cita anual que nesta edición abre as súas portas coincidindo coa semana na que se celebra o Día Mundial do Libro e que se converte en referente, tanto pola súa duración, oito días, como pola cantidade de actividades que se organizan ao seu redor, máis de 40. Alvarellos Editora, Editorial Galaxia, Libraría Pedreira, Arigató Ribeira, Aenea, Ler Librerías, Urco Editora, Libraría Cortizas, a Deputación da Coruña e a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal terán presenza no recinto, a terceira convocatoria do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2019.

Para o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, que participou hoxe na presentación do evento no Pazo de Raxoi, a feira é unha oportunidade para composteláns e visitantes de conversar cos seus autores favoritos e de participar nunha chea de actividades culturais que acompañan este encontro anual. Na rolda de prensa estivo tamén Dolores Puerta, representante da Federación de Libreiros de Galicia, e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.

A capital de Galicia é a terceira cita do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2019, que irán despois ao Porriño, onde se desenvolverán do 9 ao 12 de maio; Celanova, o 23 de maio; Ourense, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 6 ao 9 de xuño; Ribeira, do 13 ao 16 de xuño; e o concello de Cambados, onde estará entre o 19 e o 22 de xuño.

Xa no inicio do verán, as citas serán nos municipios de Vigo, do 27 de xuño ao 6 de xullo; Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; e a localidade de Rianxo, entre o 25 e o 28 de xullo. Pecharase a edición do 2019, xa no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 11; en Viveiro, do día 14 ao 18; en Foz, entre o 22 e o 25; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 28 ao 31.
 

Comparte