Nova: A Feira do Libro de Ferrol leva o pracer de ler á rúa

23/04/2019

A Feira do Libro de Ferrol leva o pracer de ler á rúa

O conselleiro de Cultura e Turismo sumouse á celebración do Día do Libro participando na apertura da 30ª edición desta cita coa lingua e a literatura

 

  • ROMÁN RODRÍGUEZ SUBLIÑA A IMPORTANCIA DE CONSOLIDAR “UN PAÍS DE LECTORES” NA APERTURA DA FEIRA DO LIBRO DE FERROL

Ferrol, 23 de abril de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde na apertura da 30ª edición da Feira do Libro de Ferrol, onde chamou a consolidar “un país de lectores” e convidou a todo o mundo a mercar un libro para apoiar “o talento, a calidade e a gran oferta do libro galego”.

Nesta ocasión, concorren á Feira ferrolá un total de 10 librarías, editoriais e institucións de diversos puntos de Galicia. Recitais, presentacións, sinaturas, contacontos e concertos serán algunhas das propostas entre as máis de corenta actividades culturais que configuran a oferta de lecer desta cita, que estará aberta ao público entre hoxe e o vindeiro sábado.

A praza da Constitución acolle nesta ocasión os postos das librarías Pedreira (Santiago de Compostela), Cartabón (Vigo), Day (Narón), e as ferrolás Cortizas, Galiano, Central Librera e Estraviz, sumándose tamén á cita establecementos especializados como Metropolis Comics, editoriais como Embora ou institucións como a Deputación da Coruña.

O conselleiro de Cultura trasladoulle os seus parabéns á entidade organizadora, a Federación de Librarías de Galicia, e salientou que desempeña un papel primordial na dinamización comercial do libro galego, “impulsando a venda de libros e fomentando os hábitos de lectura”, lembrando que cada ano se achegan ás Feiras do Libro de Galicia máis de medio millón de persoas, das cales o 70% regresa cun libro comprado baixo o brazo.

Román Rodríguez referiuse ás feiras como “unha gran festa, que celebra toda a cadea de valor do sector, desde os escritores, os editores, os distribuidores e os libreiros até o elo final, o lector”. Nesta liña, animou os veciños e veciñas de Ferrol a “mercar un libro” como o mellor xeito posible de apoiar a esta industria e desexou que “o gasto cultural das familias galegas” prosiga a senda alcista dos últimos anos.

Levar o libro á rúa

A programación de espazos na rúa para lle dar visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega é unha das liñas de actuación permanente desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia.

As Feiras do libro de Galicia celébranse cada ano en diversas vilas e cidades galegas durante os meses de primavera e verán. Inclúen postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, que se completa cunha extensa programación de actividades paralelas, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros etc., que fan destes eventos unha cita de alto interese cultural e utilidade para a difusión da literatura e os creadores galegos.

Aínda que o libro impreso está a convivir cos formatos dixitais, e esa convivencia ou hibridación chegou para quedar, o sector das librarías desempeña un rol indispensable na formación dos lectores e na chegada comercial dos produtos editoriais aos consumidores galegos.
 

Comparte