Nova: Augal pecha a súa oitava edición coa entrega de diplomas aos 150 participantes

23/04/2019

Augal pecha a súa oitava edición coa entrega de diplomas aos 150 participantes

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu esta tarde a derradeira das sete sesións programadas desde novembro dentro deste programa formativo da Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Vigo

A xornada de clausura deu comezo co relatorio de Elena Mera Dios, de Treeline Distribution, sobre como comercializar un produto audiovisual

 

  • Augal

Pontevedra, 23 de abril de 2019.- A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu esta tarde a sesión de clausura da oitava edición da Master Class do Audiovisual Galego (AuGAL), que incluíu a entrega de diplomas aos 150 estudantes matriculados. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa Universidade de Vigo (UVigo) no desenvolvemento deste programa formativo, que desde o pasado mes de novembro lles ofreceu aos participantes catro obradoiros técnicos e tres relatorios a cargo dunha decena de profesionais do sector.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, quen entregou os diplomas xunto a Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra da UVigo, e Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, fixo fincapé no dobre papel desta iniciativa como canle de difusión das obras e do traballo dos profesionais do audiovisual galego e como ferramenta para servirlles de estímulo ás futuras promocións de creadores.

Neste sentido, subliñou o feito de que este ano esteamos a asistir a “destacadas estreas de cinema e televisión en diferentes formatos –curtametraxes, longas ou series de ficción– que acolleron nos seus equipos novos profesionais que en tempos formaron parte do alumnado dunha facultade como esta”.

Obradoiros e coloquios

Como novidade, o programa do curso 2018-2019 incorporou catro obradoiros específicos sobre diferentes aspectos técnicos como o tratamento da cor con Fernando Alfonsín e Alfonso Merino, de Alfonsín Digital Lab; dirección de fotografía con Suso Bello; son con Miguel Barbosa, de Sound Troop; e guión con Raúl García Pérez.

Ademais, e como en anos anteriores, a actual produción audiovisual galega tivo o seu protagonismo nas sesións de proxeccións e coloquios, neste caso centradas en traballos de profesionais saídos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra: as curtametraxes A meca dos cines, de Dunia Alvarez Prieto; La mujer invisible, de Noemi Chantada; e Brotes, de Jorge Fernández; e a longametraxe A estación violenta, de Anxos Fazáns.

Pola súa banda, a experta en marketing audiovisual Elena Mera Dios, de Treeline Distribution, foi a encargada de impartir hoxe a conferencia de clausura Como se comercializa un produto audiovisual?, a través da que compartiu cos asistentes a súa experiencia na venda internacional, produción executiva e consultoría.
 

Comparte