Nova: A Cidade da Cultura festexa o Día do Libro cun concerto do cantautor brasileiro Gustavo Almeida na biblioteca de Galicia

23/04/2019
A Cidade da Cultura festexa o Día do Libro cun concerto do cantautor brasileiro Gustavo Almeida na biblioteca de Galicia
O ex-xogador do Celta de Vigo actuará este venres, 26 de abril, no Auditorio Neira Vilas e as entradas xa están á venda
O músico carioca, que leva 20 anos vivindo en Galicia, ofrece nas súas composicións unha mestura entre o pop, o funk e a canción de autor
Un dos temas do último traballo que vén presentar ao Gaiás, ‘Foi de repente’, estivo preseleccionado nos Grammy latinos
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.- A Cidade da Cultura celebrará este venres, 26 de abril, un concerto do cantautor brasileiro Gustavo Almeida na Biblioteca e Arquivo de Galicia, dentro do programa de actividades da Dirección Xeral de Políticas Culturais para conmemorar o Día do Libro, que se festexa hoxe mesmo (23 de abril). O artista, que leva 20 anos instalado en Galicia, actuará coa súa banda no Auditorio Neira Vilas e as entradas xa están á venda.
O cantautor acaba de sacar este ano 2019 novo traballo, Vértice, o cuarto da súa carreira, onde ofrece unha mestura entre a cultura brasileira e a española con fusión de estilos. As súas raíces cariocas están presentes sempre nas súas composicións a través de melodías, harmonías e textos. No en tanto, nesta ocasión, este traballo supón un punto de inflexión xa que se mesturan estilos como o pop, o funk ou a canción de autor.
Vértice chega da man dun dos produtores máis respectados e valorados da escena musical española: o valenciano Nacho Mañó, integrante de Presuntos Implicados e produtor dalgúns dos máis memorables discos de Alejandro Sanz, Niña Pastori, Revólver, Lolita ou Armando Manzanero, entre outros.
Preselección nos Grammy latinos
Vértice está composto por 12 temas que soarán no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, no que Gustavo Almeida estará acompañado da súa banda. Precisamente, un deles, Foi de repente, estivo preseleccionado na última edición dos Grammy latinos na categoría ‘Gravación do ano’.
A biografía de Almeida reflicte un cantautor atípico. Chegou a Galicia a mediados da década dos 80 como futbolista do Real Club Celta de Vigo. Pero, finalmente, a súa vea artística levouno a ser un dos referentes musicais dos escenarios galegos.
As entradas xa se poden adquirir no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla.com, tanto online como nas súas oficinas, e na páxina web da Cidade da Cultura www.cidadedacultura.gal.