Nova: Emilia Pardo Bazán xa ten a súa praza no centro comercial Marineda City,

11/04/2019
Emilia Pardo Bazán xa ten a súa praza no centro comercial Marineda City,
O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na inauguración da praza que levará o seu nome no centro comercial Marineda City
A Coruña, 11 de abril de 2019.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou na inauguración da Praza de Emilia Pardo Bazán, no centro comercial Marineda City, acompañado pola directora do mesmo, Ana López e pola directora da Casa Museo Emilio Pardo Bazán, Xulia Santiso.
O representante do Goberno Autonómico destacou que “Emilia Pardo Bazán foi unha precursora na loita polos dereitos das mulleres e o feminismo, incorporando en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.
Neste senso apuntou, que “seguindo o seu exemplo, unha das principais liñas de traballo da Xunta de Galicia é aquela que promove que as xeracións actuais teñan referentes femininos como Pardo Bazán, que ofrezan usos e valores onde teña cabida a igualdade entre mulleres e homes, porque ese é o camiño para o desenvolvemento dunha sociedade máis integradora, equitativa e democrática.”
Por este motivo, a Xunta aprobou en marzo deste ano creación das Medallas “Emilia Pardo Bazán”, que premian as accións desenvolvidas na nosa comunidade, que teñan destacado na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.
As medallas levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo. “Reivindicou a educación das mulleres como algo fundamental en todas as súas obras".