Nova: A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense regresa cun amplo cartel de 30 espectáculos

01/04/2019
A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense regresa cun amplo cartel de 30 espectáculos
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación no Teatro Principal
Compañías universitarias e profesionais de Galicia, do resto do Estado e do exterior ofrecerán desde o 25 de abril representacións de diversos xéneros e estilos en diferentes espazos da cidade
Ourense, 1 de abril de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) que se celebrará entre o xoves 25 de abril e o sábado 11 de maio en diferentes espazos da cidade.
Tal e como se avanzou na rolda de prensa, participarán na edición deste ano compañías universitarias e profesionais de Galicia, do resto do Estado e do exterior que ofrecerán 30 representacións de diversos xéneros e estilos no Teatro Principal, no Auditorio Municipal ou en diferentes localizacións do Campus Universitarios. Ademais, tamén haberá funcións de acceso libre no Café Auriense e en espazos públicos da cidade de Ourense como a praza de San Martiño, a rúa do Paseo e a praza Maior.
Nesta vixésimo cuarta edición, a MITEU mantén as súas liñas programáticas fundamentais, con espectáculos de teatro universitario galego, portugués e de diferentes comunidades autónomas do resto do Estado, xunto con compañías profesionais e grupos invitados tanto estatais como internacionais. Participarán nesta ocasión compañías de Portugal, Chile, Costa Rica, Nicaragua, México e Holanda.
Os encargados de abrir a programación será o grupo Rosaura, da Aula Universitaria de Ourense, que o xoves 25 representarán a obra Indo e vindo na rúa do Paseo. Tamén participará nesta xornada inaugural o grupo Cordelia, tamén da Aula universitaria de Ourense, que escenificará O corpo estelar no Teatro Principal de Ourense.
Ademais do director xeral de Políticas Culturais, tamén participaron nesta presentación, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o director da MITEU, Fernando Dacosta, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.