Nova: O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2019 difunde a produción galega máis recente para os lectores novos

22/03/2019
O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2019 difunde a produción galega máis recente para os lectores novos
Con máis de 120 títulos, a obra permítelles a escritores, ilustradores e editores dar a coñecer o seu traballo en Galicia e no exterior
A Dirección Xeral de Políticas Culturais e Gálix presentaron hoxe a publicación, que se distribuirá a próxima semana na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña
Lugo, 22 de marzo de 2019.- O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2019 difunde a produción galega máis recente para os lectores novos, con máis de 120 títulos publicados no último ano. Destinado á presentación comercial do libro galego no exterior, a Consellería de Cultura e Turismo edita esta obra en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, e co apoio da Asociación Galega de Editores (AGE).
“Esta publicación vai ser a embaixadora da nosa literatura infantil e xuvenil, non só dentro, senón especialmente fóra das nosas fronteiras, coa presentación da obra das nosas autoras e dos nosos autores en diversos foros profesionais”, explicou o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo. Como subliñou, “trátase dun catálogo que lle vai dar difusión ao conxunto de propostas editoriais que representan a sobresaínte calidade da literatura infantil e xuvenil en Galicia”.
A edición trilingüe do catálogo, en galego, castelán e inglés, permítelles a escritores, ilustradores e editores contar cun material de presentación para a promoción dos seus libros nos encontros internacionais do sector. Participan neste catálogo, entre outras, as editoriais Galaxia, Xerais, Bululú, Hércules de Ediciones, Kalandraka, Rodeira – Grupo Edebé ou OQO editora. A presentación en Galicia tivo lugar esta tarde na Biblioteca Pública de Lugo, a cargo do propio Anxo M. Lorenzo e do presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo.
Difusión exterior
Cunha tiraxe de 300 exemplares e unha ampla difusión dixital a través da web de Cultura da Xunta, en www.cultura.gal, o catálogo nace co obxectivo de lles ofrecer aos axentes do sector do libro que traballan para o público máis novo unha ferramenta de utilidade para divulgaren o seu traballo en Galicia e, tamén, fóra, xa que “estará a vindeira semana na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña 2019 (do 1 ao 4 de abril), no que se consolida como o máis importante escaparate do mundo para este tipo de literatura.” A publicación tamén se divulgará nas principais feiras internacionais do libro nas que participará Galicia ao longo do ano.