Nova: A XIII edición do Festival Internacional Rebulir levará baile e música tradicional a varias localidades ourensás

20/12/2018
A XIII edición do Festival Internacional Rebulir levará baile e música tradicional a varias localidades ourensás
A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación deste evento que inclúe variadas accións culturais como demostracións de danza, exposicións ou obradoiros
Ourense, 20 de decembro de 2018.- A Xunta de Galicia apoia a celebración do XIII Festival Internacional Rebulir (FIR) de baile e música tradicional. Este evento inclúe variadas accións culturais que se desenvolven en Ourense, Celanova e Ramirás ata este sábado día 22, data na que terá lugar a actuación central e a entrega de premios.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na rolda de prensa do festival na que explicou que o FIR é un dos eventos folclóricos subvencionados polo Goberno galego desde varios departamentos autonómicos: Consellería de Cultura e Turismo; Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e Secretaría Xeral da Emigración.
Díaz Mouteira eloxiou este tipo de iniciativa cultural e salientou que o Festival Internacional Rebulir se converteu en punto de referencia na recuperación da música e o baile tradicional, grazas ao traballo desenvolvido por esta asociación a través das súas actividades de recuperación, aprendizaxe e divulgación da cultura galega. A representante do Goberno galego en Ourense desexoulle éxito aos seus organizadores dedicados dende hai trece anos ao labor de achegar o folclore aos veciños de Ramirás, e por extensión, da provincia de Ourense.