Nova: FalaRedes leva a Negreira e Barbadás este domingo a obra Asubíos

29/11/2018
FalaRedes leva a Negreira e Barbadás este domingo a obra Asubíos
Negreira e Barbadás danse cita co Asubíos do FalaRedes este domingo
A peza teatral, especialmente pensada para público familiar con cativada desde os tres anos, fai fincapé na necesidade de implicármonos no coidado do medio natural
Poderase gozar, de balde, no Centro Sociocultural de Negreira, ás 12:00 horas, e na Casa da Cultura de Barbadás, ás 19:00 horas
Chegará da man do Elefante Elegante durante a semana da ponte a Monterroso, Silleda, San Cristovo de Cea, Vilamarín, Salvaterra e Castrelo de Miño
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2018. As comarcas da Barcala e de Ourense acollen o vindeiro domingo as actividades FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A prestixiosa compañía de teatro do Elefante Elegante levará a peza teatral Asubíos ás localidades de Negreira (no Centro Sociocultural, ás 13:00 horas) e Barbadás (na Casa da Cultura, ás 19:00 horas). A entrada, como é habitual neste programa da Xunta de Galicia, é libre e de balde, ata completar a capacidade dos espazos programados.
Asubíos é a quinta actividade do FalaRedes 2018, unha peza teatral inspirada no universo literario do escritor Mia Couto e no conto O frautista de Hamelín recollido polos irmáns Grimm. Se no orixinal do mozambicano o asunto de fondo era a racismo, na reinterpretación que fai a compañía do Elefante Elegante o eixo temático muda e oriéntase ao medio natural e á necesidade de vivir en harmonía con el. A obra está especialmente indicada para familias con cativada desde os tres anos de idade
Durante a semana da ponte en seis concellos da RDL
Despois das dúas funcións deste domingo, o FalaRedes enceta unha semana vertixinosa que levará a obra Asubíos a outros seis concellos da RDL durante a semana da ponte de decemebro. Así, o xoves 6 poderase gozar en Monterroso (no Centro Sociocultural, ás 12:00 horas) e en Silleda (no Auditorio Manuel Dopazo, ás 18:00 horas). O venres 7, en San Cristovo de Cea (no Multiúsos, ás 19:00 horas) e o sábado 8 en Vilamarín (no Auditorio, ás 19:30 horas). O domingo, a compañía teatral coruñesa despídese desta edición do FalaRedes en Salvaterra do Miño (na Casa da Cultura, ás 12:00 horas) e en Castrelo de Miño (no salón de actos do Concello, ás 18:00 horas).
Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa foron preto de 900 as actividades programadas para públicos de todas as idades.
Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.