Nova: A Fundación Santo André de Teixido é declarada de interese galego

13/11/2018

A Fundación Santo André de Teixido é declarada de interese galego

Creada no 2016, ten como obxectivo contribuír ao progreso cultural de Galicia prestando especial atención ao lugar de Teixido, no concello de Cedeira (A Coruña), por ser o primeiro lugar de peregrinación documentado

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia vén de declarar a Fundación Santo André de Teixido de interese galego, polo que pasa a formar parte do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Constituída no ano 2016, ten como obxecto promover, protexer, impulsar e fomentar estudos, investigacións e todo tipo de iniciativas e actividades que contribúan ao desenvolvemento social e ao progreso económico e cultural de Galicia. Neste sentido, presta especial atención ao lugar de Teixido e ao santuario de Santo André de Teixido, no concello de Cedeira, por ser a primeira peregrinación galega documentada.

O Rexistro ten como finalidade ofrecer un sistema de garantía de publicidade material e formal das fundacións, mediante a inscrición do acto de constitución e de toda a secuencia de actos a través dos que se desenvolve a actividade fundacional, á vez que serve como instrumento de seguridade xurídica e canle de información da realidade fundacional galega.

Comparte