Nova: Inaugúrase no CGAC Without de Julião Sarmento

09/11/2018
Inaugúrase no CGAC Without de Julião Sarmento
O titular de Cultura, Román Rodríguez, subliñou que se trata dunha mostra ampla e significativa arredor dun dos creadores máis destacados da arte portuguesa e internacional
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou esta tarde Without, a nova mostra temporal do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), dedicada neste caso a un dos artistas portugueses máis reputados na actualidade, o lisboeta Julião Sarmento. Esta exposición, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e o crítico David Barro, ofrece arredor de trinta obras visuais, significativas para comprender a evolución estética e de intereses de Sarmento.
O titular de Cultura destacou “a ampla e significativa escolma creativa” que nesta nova exposición temporal se ofrece deste artista. “Sen dúbida, un dos máis destacados da arte portuguesa e internacional.” Así mesmo, o conselleiro fixo fincapé en que con esta mostra se continúa cos 25 anos de portas abertas do CGAC e se afonda nas relacións “ibéricas e atlánticas” deste centro de referencia da arte contemporánea na nosa comunidade.
No acto tamén estiveron presentes ambos os dous comisarios, David Barro e Santiago Olmo, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.
As relacións de Sarmento coa imaxe
O traballo de Julião Sarmento formalízase desde o fronteirizo. Moitas das súas obras conteñen imaxes de imaxes e están relacionadas entre si, aínda que funcionen de maneira independente. Toda a obra de Julião Sarmento proxecta unha sensación cinematográfica, porque no que vemos sempre intuímos algo que se mantén ausente, fóra de escena. A súa exposición no CGAC é unha visión panorámica que recolle traballos arredor deste sentir cinematográfico, transversal a toda a súa traxectoria.
A mostra recolle exemplos da súa particular maneira de deconstruír a imaxe, de obras onde o baleiro se concibe como fondo activo e dunha serie de esculturas onde se convoca a idea de escena. Tamén dos seus traballos recentes, enigmáticas pinturas de dimensión fractal que nos remiten ao mundo das constelacións. As súas obras demandan unha posición activa no espectador, que se ve obrigado a descifrar a intención de cada motivo e de cada ausencia, atendendo a títulos que ofrecen pistas ao tempo que reforzan o misterio.
O título, Without, fai referencia á polaridade que domina toda a obra de Julião Sarmento. A polaridade é como unha porta que nun lado ten escrita a palabra entrada e no outro saída, pero sempre é a mesma porta e, segundo o lado polo que nos acheguemos a ela, vemos un ou outro dos seus aspectos. Como nas obras de Julião Sarmento, o título non nos di unha verdade exacta nin absoluta nin tampouco nos informa de todo o que se ve.