Nova: Alisa Zhgenti, a finalista máis nova do Piano Meeting, abre o festival na praza maior de Ourense

21/09/2018
Alisa Zhgenti, a finalista máis nova do Piano Meeting, abre o festival na praza maior de Ourense
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu á apertura do certame que chega a outros tres puntos da cidade: As Burgas, o Xardín do Posía e o Parque de San Lázaro
O programa inclúe actuacións dos gañadores do concurso, obradoiros, músicos convidados e o uso libre dos instrumentos para os espontáneos
Ourense, 22 de setembro de 2018.- Ourense convértese hoxe no maior auditorio de Galicia ao aire libre coa celebración do II Festival Piano Meeting, no que os catro pianos situados en catro puntos emblemáticos da cidade -a Praza Maior, As Burgas, o Xardín do Posío e o Parque de San Lázaro- son os eixos en torno aos que se articulan todas as actividades. O festival comeza ás 12:00 horas, de xeito simultáneo nos catro espazos. Na Praza Maior toca a esa hora Alisa Zhgenti, de 10 anos de idade, a finalista máis nova das dúas edicións do festival, e entre o público asistente están o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Ata as 21:30 horas da noite, hora na que a Praza Maior acolle o concerto final, o programa contempla nos catro puntos as actuacións dos 20 músicos seleccionados na fase de concurso do festival, sete obradoiros para neófitos Aprende a tocar unha peza e cinco concertos de músicos convidados, así como momentos libres para permitir a participación de espontáneos que se animen a tocar.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia de Turismo de Galicia, colabora con esta iniciativa, nun esforzo para abrir espazos para a cultura na rúa, poñer en valor o patrimonio cultural e dinamizar espazos a través da música.
A fase do concurso
O concurso do Piano Meeting contemplou este ano, unha modalidade máis na selección de finalistas. Á que xa se utilizara na primeira edición, feita por un xurado profesional, engadiuse unha sección de redes sociais, para que a cidadanía puidese votar. Deste xeito, no mes de xullo, o xurado escolleu entre os participantes aos primeiros 10 finalistas, que foron o Trío Ramales e Jorge Balanzá, que se fixeron co primeiro premio; Carolina Santiago, galardoada co segundo premio e Sergio de Miguel Jazz Trío; Lara Martínez Taboada; o Dúo Liliak; Alisa Zhgenti; ASR Jazz Trío; Rebeca Miyar e Miguel Iglesias.
A través das redes sociais escolléronse tamén en xullo outros 20 músicos e o público puido votalos durante todo o mes de agosto para determinar aos outros 10 finalistas que participan hoxe no festival e que foron Marta Aranda, o Dúo Emanarte, Joana María Riera, Sergio de Miguel Grupo de Cámara; o Dúo David e Leticia; Cris Rodríguez; Manuel Josué; o Trío Benonar; Adriana Iglesias e Diego Mata Pose.