Nova: A posta en marcha e adecuación de espazos do museo diocesano e catedralicio de Lugo recibirá 375.000 euros

19/09/2018

A posta en marcha e adecuación de espazos do museo diocesano e catedralicio de Lugo recibirá 375.000 euros

O bispo de Lugo e o titular de Cultura explicaron a obra de acondicionamento do baixo cuberta das antigas sancristías e capela de San Froilán, que está a piques de rematar e permitirá crear estancias para depósito no baixo cuberta da nave do Evanxeo e recuperar as fiestras románicas do triforio

Segundo o conselleiro, este museo xoga un papel vertebrador na xestión do patrimonio relixioso da diocese lucense, a que conta con maior número de parroquias de toda España

Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que veñen de rematarse a restauración de dous cubos da muralla e anunciou as obras previstas neste ben que o vindeiro 30 de novembro cumpre 18 anos inscrito como Patrimonio Mundial da UNESCO
 

Lugo, 19 de setembro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, deron conta do próximo remate da obra que a Xunta de Galicia está a realizar na catedral de Lugo e que supón o acondicionamento do baixo cuberta das antigas sancristías e capela de San Froilán. A intervención conta cun orzamento de 124.027 euros e vén a sumarse ao convenio subscrito no 2016 para o impulso da posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo (MDCL), polo que a Xunta ten achegado na posta a punto deste ben preto de 374.020 euros durante os últimos tres exercicios.

“Nestes últimos anos —explicou o conselleiro— a Xunta de Galicia, en estreita colaboración co Bispado de Lugo, temos avanzado na salvagarda e posta en valor da catedral, así como no impulso do museo catedralicio". O conselleiro lembrou o papel do patrimonio “para xerar riqueza e emprego” e afirmou que a catedral e o museo son recursos que, xunto con outros elementos como a propia muralla, fan que Lugo sexa un destino atractivo para o turismo cultural.

Así mesmo, o conselleiro destacou “o compromiso coa conservación e divulgación” do amplo patrimonio relixioso da diocese lucense, que conta cun total de 1139 parroquias. Así mesmo, subliñou que o MDCL está xogando “un papel vertebrador” na xestión do patrimonio lucense. Finalmente, o conselleiro concluíu que con esta intervención lógrase “o acondicionamento deste espazo para o seu uso e posta en valor”, mellorando as instalacións precisas dunha dotación cultural de primeiro nivel como é o devandito museo.
 

Mellora na nave do Evanxeo

Nesta obra acometéronse distintas accións encamiñadas a liberar espazo e crear estancias habitables no baixo cuberta adosado ao triforio na nave do Evanxeo, para o que se levou a cabo unha eliminación parcial dos tabiques de ladrillo, substituíndoos por estruturas metálicas. Así mesmo, realizouse unha posta en valor das fiestras románicas do triforio, liberándoas dos forxados de formigón e substituíndoos por elementos de cristal, moito máis acaídos.

A obra incluíu tamén a colocación dun falso térmico que illa termicamente a cuberta, a limpeza das fábricas de cantería e a cubrición con morteiro de cal como acabado dos paramentos.
 

Actuacións previstas na muralla

Na posterior visita a muralla, explicouse o plan de obras previsto para este ben patrimonio da humanidade. Neste sentido, o conselleiro lembrou que “a Xunta rematou hai escasamente un mes a restauración dos cubos XIX e LXXX”, unhas obras que supuxeron un investimento de algo máis de 375.000 euros. Dixo tamén que durante o próximo ano “iranse acometendo outras catro actuacións para coidar co mimo que se merece este ben icónico” que o vindeiro 30 de novembro cumpre 18 anos inscrito como ben integrante do Patrimonio Mundial da UNESCO.

As obras que se efectuarán en primeiro lugar son unha consolidación estrutural do cubo VII e as obras de conservación e mantemento da cerca romana. A primeira é un proxecto en trámite de contratación e contará cunha axuda ao Ministerio de Fomento con cargo ao 1,5% cultural. Neste momento esta actuación está pendente de licitar e terá un orzamento próximo aos 325.000 euros. A segunda actuación corresponde ás obras de conservación e mantemento da muralla e mobilizará un investimento de 278.550 euros. Con esta obra procederase a retirada da vexetación, a eliminación de pintadas, produto de actuacións vandálicas, e outras actuacións do mantemento xeral do ben.

Finalmente, está previsto investir ao redor de 100.000 euros na restauración do cubo XXXI. Neste momento estase redactando o Proxecto Básico e de Execución. E actuarase na posta en valor da cloaca do cubo VI. O orzamento previsto é de 60.365 euros. Trátase, en conxunto, dun orzamento de máis de 1,1 millóns de euros que se dedican á xestión, salvagarda e posta en valor deste monumento.

Comparte