Nova: O Consello Asesor do Libro estuda as liñas de actuación que definirán o Plan Galego de Dinamización da Lectura

07/09/2018
O Consello Asesor do Libro estuda as liñas de actuación que definirán o Plan Galego de Dinamización da Lectura
É a primeira vez que se presenta neste órgano unha proposta para a elaboración dun plan de fomento do hábito lector, que formará parte da Estratexia da Cultura Galega 2021
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018.- A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu esta mañá a reunión do Consello Asesor do Libro, un organismo dedicado ao estudo e ao asesoramento sobre as políticas relacionadas coa Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.
Representantes das administracións autonómica e local, e das principais entidades galegas vinculadas co sector do libro –entre elas, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración– participaron na xuntanza, presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Plan Galego de Dinamización da Lectura
Durante a reunión, Anxo Lorenzo presentou algunhas propostas de liñas estratéxicas, obxectivos e medidas para avanzar na súa concreción de cara á elaboración do Plan Galego de Dinamización da Lectura, que vai formar parte da Estratexia da Cultura Galega 2021. O secretario xeral de Cultura adiantou que as bibliotecas públicas de Galicia van ter unha especial relevancia dentro do plan, polo seu papel determinante como mediadoras e impulsoras da lectura na era dixital. Tampouco se esquece o labor das bibliotecas escolares na conformación do hábito da lectura entre os máis novos. A dinamización social da lectura é outras das liñas estratéxicas que se propón para vertebrar o plan, con medidas que respondan á situación sociodemográfica actual de Galicia, nomeadamente á dispersión xeográfica e ao avellentamento da poboación.
Durante o Consello tamén se presentou un informe sobre as actividades e investimentos realizados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia durante o último ano, tanto no equipamento e mellora das súas instalacións, como na potenciación de programas como GaliciaLe, a plataforma en liña para o préstamo de libros electrónicos e de audiovisuais nas bibliotecas, ou Ler conta moito, con actividades de dinamización da lectura en colaboración cos concellos galegos.
Promoción do libro
A promoción do libro galego en Galicia e fóra da comunidade foi outro dos temas centrais da xuntanza do Consello, no que se analizou a participación do sector nas feiras internacionais deste ano, tanto na xa celebrada Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que tivo lugar do 26 de abril ao 15 de maio na capital arxentina, como as vindeiras citas antes de final de ano, Líber, en Barcelona, do 3 ao 5 de outubro; a Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 10 ao 14 de outubro; e a de Guadalaxara, México, do 24 de novembro ao 2 de decembro.
As propostas para elaborar o Calendario do Libro e da Lectura 2019 e para o Día da Ilustración do ano que vén foron outros dos temas que se abordaron na reunión.
O Consello Asesor do Libro
A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia establece entre as funcións do Consello Asesor do Libro a elaboración de informes de seguimento dos índices de lectura da poboación galega e da produción editorial realizada en Galicia e en lingua galega, a elaboración de propostas de actuación para o fomento da lectura e para a mellora dos diferentes subsectores da edición e comercialización do libro, así como a emisión de informe en todas as cuestións relacionadas coa planificación da política do libro e os regulamentos que rexan e desenvolvan a dita política.