Nova: Ábrese o prazo de votacións para o XIII premio de Novela Europea Casino de Santiago

06/07/2018

Ábrese o prazo de votacións para o XIII premio de Novela Europea Casino de Santiago

Residentes, estudantes e persoas que traballen na capital de Galicia poden elixir ata o 12 de xullo entre obras de Manuel Rivas, Juan Gómez-Jurado, Clara Usón, Jonathan Coe e John Banville

Os votos poderán entregarse no Casino de Santiago ou no Centro Comercial Compostela de El Corte Inglés, entidade patrocinadora do premio

O secretario xeral de Política Lingüística participou na rolda de prensa en que se deron a coñecer os prazos e detalles da votación

  • Ábrese o prazo de votacións para o XIII premio de Novela Europea Casino de Santiago Ábrese o prazo de votacións para o XIII premio de Novela Europea Casino de Santiago

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa celebrada no Casino de Santiago para presentar o período de votacións do XIII premio Novela Europea Casino de Santiago, que estará aberto para a cidadanía compostelá desde hoxe ata o vindeiro 12 de xullo.

O secretario xeral, membro do xurado, valorou “a orixinalidade dun premio que implica a toda a cidadanía na lectura e que lles fai xustiza aos autores galegos ao poñelos en paralelo cos máis relevantes da Unión Europea”.

A canda Valentín García interviñeron na rolda de prensa Ubaldo Rueda e Maribel Martín, presidente e secretaria, respectivamente, do Casino compostelán.

Participación cidadá e europeísmo

O premio pretende promover a lectura e o espírito europeísta, convertendo toda a cidade de Santiago en xurado que recoñece escritores de países da Unión Europea (UE). Para conseguilo, a comisión de selección está formada por tres seccións: a sección A, que será a que vote entre o 6 e o 12 de xullo, ten un peso do 30% na decisión final e intégrana todos os residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do 20%, inclúe todos os socios do Casino e a sección C, cun peso do 50% está formada por representantes de distintos estamentos da cidade. A esta última pertence o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Entre todos deben elixir unha das cinco novelas de países da UE que previamente foron seleccionadas por unha comisión de expertos: O último día de Terranova, de Manuel Rivas; Cicatriz, de Juan Gómez-Jurado; Valor, de Clara Usón; Expo 58, de Jonathan Coe, e La guitarra azul, de John Banville.

As persoas interesadas poden depositar o seu voto ata o 12 de xullo no Casino de Santiago e na libraría do Centro Comercial Compostela (El Corte Inglés), situada na planta baixa.

Comparte