Nova: A mostra Santiago. Protección e transformación da cidade percorre a evolución urbana da capital galega

11/05/2018
A mostra Santiago. Protección e transformación da cidade percorre a evolución urbana da capital galega
A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolle até o vindeiro 26 de xuño a mostra, inaugurada hoxe polo titular de Cultura
Román Rodríguez explicou que a mostra é moi importante para comprender a evolución urbana da capital de Galicia e reivindicou o papel das diferentes administracións na xestión do patrimonio ao longo da historia, como mecanismos de progreso
O conselleiro de Cultura destaca o carácter pioneiro de Santiago na xestión do patrimonio
Santiago, 11 de maio de 2018.- O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a mostra Santiago. Protección e transformación da cidade, que permanecerá aberta até o vindeiro 26 de xuño no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Rodríguez destacou a importancia temática da mostra, que divulga algúns dos principais cambios morfolóxicos, estruturais, estéticos e de uso rexistrados na cidade durante as décadas centrais do século XX, e lembrou que se trata “dun período moito menos estudado que outras etapas da cidade pola súa proximidade histórica a nós”.
O titular de Cultura explicou que a mostra testemuña o carácter pioneiro de Santiago na xestión do seu patrimonio, desde a súa declaración como monumento histórico-artístico no ano 1940, e lembrou que as administracións responsables da xestión do Patrimonio foron “mecanismos para o progreso” da cidade, ao harmonizar protección e desenvolvemento territorial . “A administración –afirmou Rodríguez– dedícase, e dedícase ben, á xestión e salvagarda dun dos nosos principais recursos endóxenos”.
O conselleiro concluíu a súa intervención explicando que na mostra se dan a coñecer cales foron os diferentes procedementos de autorización e como todas esas medidas, levadas a termo xunto con outro tipo de accións de fomento e planeamento, supuxeron unha protección bastante eficaz dos principais valores culturais de Compostela, “para que hoxe gocemos dun casco histórico vivo", dos mellor conservados do mundo.
A exposición, promovida polo Arquivo de Galicia, comisariada por Miguel López, baixo a coordinación de Mar García Miraz, inscríbese dentro das actividades organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do programa Somos Patrimonio para contribuír á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, tras a súa declaración polo Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea. Na inauguración participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua, a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita; e Mar García Miraz, xefa do servizo do Arquivo de Galicia e comisaria da mostra.
A evolución de Santiago a través de 103 documentos
O fundamento documental desta exposición está constituído polos expedientes de autorización de concesión de licenzas de obra por parte dos concellos (1944/1998) que se custodian no Arquivo de Galicia.
Estes expedientes foron producidos polas diferentes Comisións do Patrimonio Histórico-Artístico que se suceden no tempo e conteñen un gran número de imaxes que evidencian as transformacións da cidade en todos os seus barrios. Son estas fotografías as que constitúen o eixo do relato, centrado especialmente a partir da segunda metade da década de 1960, época na que se acelera o ritmo do crecemento urbanístico da cidade.
Xunto a estas fotografías, amósanse diversos planos transferidos pola Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Son en total 103 documentos que se complementan coa reprodución de deseños de rótulos presentados para a súa autorización e de imaxes actuais de Compostela.
Como foi a evolución da cidade
Santiago. Protección e transformación da cidade explica a evolución da cidade nunhas décadas onde se rexistran abondosos cambios na zona norte, nos barrios de Basquiños e San Roque; en San Pedro, no que é o barrio extramuros máis antigo da cidade; nos arredores da Muralla; en espazos como a Senra ou Mazarelos; no propio núcleo histórico; no Campus Sur, magnificamente ideado por Jenaro de la Fuente; e noutras zonas como San Lourenzo, o Pombal, Sar ou Conxo. Así mesmo, explícase o ensanche do desarrollismo na zona da Rapa da Folla ou ao redor da praza de Vigo. Un fenómeno que conclúe cos proxectos de urbanización dos anos sesenta e setenta.
Con esta mostra, o Arquivo de Galicia continúa coa difusión dos seus fondos e axuda a divulgar algúns dos cambios urbanos e arquitectónicos experimentados na cidade de Santiago ao longo dun período recente da súa historia.