Nova: A mostra sobre Baldomero Pestana chega ao Gaiás tras recibir 10.000 visitas no Instituto Cervantes en Madrid

12/04/2018
A mostra sobre Baldomero Pestana chega ao Gaiás tras recibir 10.000 visitas no Instituto Cervantes en Madrid
A exposición sobre o fotógrafo galego, todo un referente da imaxe na cultura hispanoamericana na segunda metade do S XX, inaugúrase o 30 de abril
Nado en Castroverde (Lugo), realizou retratos de García Márquez, Vargas Llosa ou Norah Lange
Pestana, a verdade entre as mans amosa tamén a súa faciana de fotorreporteiro e as súas coidadas imaxes de denuncia social
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018.- A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 30 de abril a exposición Pestana, a verdade entre as mans para recuperar e pór en valor a obra do fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), descoñecido para o gran público, pero todo un referente da imaxe na segunda metade do século XX. A mostra sobre Baldomero Pestana chega ao Museo Centro Gaiás tras recibir máis de 10.000 visitas durante os seus dous meses (desde o 15 de febreiro ao 8 de abril) na sede en Madrid do Instituto Cervantes.
Ademais, a exposición –organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e o Instituto Cervantes– conseguiu neste breve tempo unha importante repercusión mediática, sendo obxecto de reportaxes en medios internacionais como The Guardian, que cualificou a Baldomero Pestana como “fotógrafo dos xigantes das letras hispanoamericanas”; en El Comercio de Perú, que valorou que o galego conseguise “apropiarse dos rostros e as vidas de escritores, artistas e pensadores” a través dos seus retratos; mentres que Clarín quixo remarcar a súa vida, propia “dunha novela de aventuras”.
Comisariada pola galega Chus Villar e polo escritor Juan Bonilla, a exposición conta coa implicación dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos de máis 17.000 negativos de Pestana e custodios de todo o seu legado, polo que se trata da mostra máis completa realizada ata o momento sobre o fotógrafo galego.
Así, ademais dos seus libros, cartas e a súas cámaras Rolleiflex, Hasselbald e Linhof, exhibiranse 150 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos de escritores e intelectuais, como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Blanca Varela, Norah Lange, Jorge Luis Borges, Man Ray ou o trompetista de jazz Dizzy Gillespie. O visitante poderá seguir o seu periplo vital nas tres cidades nas que se enmarca a vida de Pestana antes de regresar a Galicia: Bos Aires, Lima e París.
Rescatar do esquecemento a figuras relevantes
A transcendencia deste proxecto vén marcada porque con el rescátase dun inxusto esquecemento a un mestre da cámara, descoñecido para o gran público, e permite pór en valor a un galego que viviu conectado á escena cultural do seu tempo, deixando imaxes imprescindibles para achegarse á efervescencia artística do Perú dos anos cincuenta ou ao boom latinoamericano da década dos sesenta en París.
Chus Villar, unha das comisarias, chama a atención non só sobre a “calidade artística” das fotografías de Pestana, senón tamén sobre a “extraordinaria biografía” dun galego que percorreu o mundo cunha “ollada sensible e intuitiva, de admiración, de humildade e de interese polo detalle, por riba da procura do espectáculo”.
Precisamente, para achegarse á vida e ao universo creativo de Pestana, con motivo da exposición exhibirase tamén unha peza creada ex profeso a partir do documental A imaxe reb/veleda, produción dirixida por Andrea Vázquez García, producida por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia.
Con esta exposición, a Xunta e o Instituto Cervantes continúan nunha estratexia de colaboración para pór en valor figuras da cultura galega aproveitando a capacidade de proxección da Cidade da Cultura e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Deste xeito, tras a súa clausura o 2 de setembro no Museo Centro Gaiás, Pestana, a verdade entre as mans será exhibida en París, unha cidade que o marcou persoal e laboralmente.
Este mostra enmárcase nos proxectos expositivos da Cidade da Cultura para recuperar e destacar o traballo de artistas galegos cunha gran calidade e cun importante recoñecemento no seu tempo e que foron inxustamente esquecidos, como é o caso de José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974). Precisamente, José Suárez. Uns ollos vivos que pensan remata a súa itinerancia este ano no Museo de Belas Artes da Coruña, tras a súa inauguración en 2015 no Museo Centro Gaiás e despois de percorrer Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Delhi e Salamanca.