Nova: O grupo Tulsa pecha este venres na Cidade da Cultura a xornada lúdico-formativa CREAGAIÁS

10/04/2018

O grupo Tulsa pecha este venres na Cidade da Cultura a xornada lúdico-formativa CREAGAIÁS

Promovida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, a iniciativa busca apoiar, formar e pór en valor profesionais e emprendedores do sector cultural e creativo

Nesta primeira edición CREAGAIÁS pon o acento na importancia da marca e imaxe persoal para emprendedores e profesionais do sector creativo, e en como xestionala de forma eficaz a través das redes sociais

A programación da xornada, que arrancará ás 16.00 horas, inclúe un obradoiro, un certame fotográfico, un mercado creativo, faladoiros e un concerto acústico de Tulsa, formación liderada por Miren Iza e candidata en 2007 aos Grammy Latinos

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018.- A banda española Tulsa, formación liderada pola cantautora guipuscoana Miren Iza, será a encargada de pechar o vindeiro venres 13 de abril na Cidade da Cultura a xornada lúdico-formativa CREAGAIÁS. A iniciativa, promovida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, nace co obxectivo de potenciar e pór en valor proxectos emprendedores culturais e creativos, ademais de apoiar e formar a profesionais do sector. Nesta primeira edición centrarase na importancia da marca e a imaxe persoal no ámbito cultural e creativo, e en como xestionala de forma eficaz a través das redes sociais.

A xornada, de asistencia libre e gratuíta, comezará ás 16 horas cun obradoiro sobre imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a persoas emprendedoras, creadoras e profesionais das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de da consultora de negocio e transformación dixital Valumbo. Xa a partir das 17 horas todas as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man os proxectos residentes no coworking da Cidade da Cultura, que presentarán os seus proxectos nun Mercado de Emprendemento Creativo onde intercambiar experiencias ou establecer contactos con potenciais clientes e colaboradores. A actividade estará amenizada polo DJ Manuele Caamagno.

O programa incluirá tamén un faladoiro cos integrantes do grupo Tulsa Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, moderado polo xornalista Tito Lesende. Ambos compartirán coa audiencia as súas impresións sobre os procesos creativos, as rutinas do emprendemento e o uso da imaxe e as redes na vida profesional dos creadores. A charla estará seguida dun concerto acústico no que, a partir das 19.30 horas, interpretarán temas do novo disco de Tulsa, Centauros, así como outros míticos da carreira de Miren Iza como compositora e vocalista. A cantante, nacida en Guipúscoa, é letrista e voz de Tulsa, con quen foi nominada aos Grammy Latinos de 2007 como artista revelación e aos MTV European Music Awards como mellor artista emerxente.

O traballo emprendedor, en imaxes

No marco da xornada coñeceranse tamén as persoas premiadas no certame de fotografía enmarcado en CREAGAIÁS, ademais de poderse visitar unha pequena mostra das mellores imaxes participantes. Tratarase dunha pequena escolma das case 350 fotografías a concurso presentadas nas dúas modalidades do certame. Por unha banda, e sempre co emprendemento como eixo, CREAGAIÁS convidou a estudantes e fotógrafos non profesionais a retratar en sete imaxes a semana dun emprendedor ou empresa do Gaiás, transmitindo a realidade do seu día a día como profesionais. En total realizáronse nos pasados días unha vintena destes diarios visuais, cos que se quere amosar o esforzo invisible que está detrás tanto do traballo emprendedor como do traballo creativo. A reportaxe gañadora, que se coñecerá este venres, será galardoada cun premio dotado con 1.200 euros.

Como complemento, lanzouse tamén a través da rede social Instagram un concurso dirixido a instagramers de toda Galicia, animándoos a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300 euros. Ambos os premios serán outorgados por un xurado especializado composto por profesionais da fotografía e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

Asistencia libre e de balde

A asistencia á xornada é libre e de balde ata completar capacidade. CREAGAIÁS é un proxecto organizado pola empresa de xestión cultural Correveydile co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e coas empresas Daveiga e Vermut Lodeiros. Pódese consultar máis información no web www.cidadedacultura.org.

Comparte