Nova: A Cidade da Cultura festexa o Día da Artes Galegas con obradoiros familiares sobre arquitectura

07/04/2018
A Cidade da Cultura festexa o Día da Artes Galegas con obradoiros familiares sobre arquitectura
Este ano dedícaselle ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, personalidade influente do século XX e unha das figuras máis recoñecidas do Movemento Moderno en Galicia
O Gaiás celebrou un obradoiro de mañá, só para a cativada, e outro de tarde, no que tamén podían participar adultos
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia celebrou este sábado día 7 divertidos e creativos obradoiros familiares sobre arquitectura para sumarse ao programa de actividades ao redor do Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica a Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) e do que se tivo unha mostra dos seus deseños no Museo Centro Gaiás coa exposición Da árbore á cadeira.
Alejandro de la Sota é unha da personalidades galegas más influentes do século XX. Trátase dunha das figuras máis recoñecidas do Movemento Moderno en Galicia e un dos máis notables arquitectos españois da segunda metade do século pasado. Foi Premio Nacional de Arquitectura ata en catro ocasións; Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes; Medalla de Ouro de Arquitectura: e finalista dos Premios Príncipe de Asturias de Belas Artes. Asemade, os seus deseños cambiaron o xeito de entender os espazos habitables.
Por iso, a Cidade da Cultura de Galicia non podía faltar as accións conmemorativas, tanto do Día das Artes Galegas como da homenaxe ao arquitecto pontevedrés e fíxoo cunha actividade na que se procura que grandes e pequenos da casa coñezan, dunha forma creativa e artística, non só a importancia de Alejandro de la Sota no Movemento Moderno, senón tamén a ruptura arquitectónica que supuxeron os seus proxectos.
Dous obradoiros
As actividades conmemorativas centráronse nun obradoiro de mañá, ás 12.30 horas, dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos; e outro pola tarde, a partir das 17.30 horas, para cativada de 6 anos en diante, e tamén aberto aos adultos, no que poder achegarse en familia á figura e á arquitectura de Alejandro de la Sota. O obradoiro de mañá tivo como protagonista á experimentación con formas, materias e volumes do repertorio plástico e visual do arquitecto pontevedrés. No taller da tarde, aberto tamén ao público adulto, os participantes construíron dun xeito colaborativo unha maqueta arquitectónica co obxecto de achegarse ao Movemento Moderno e entender a súa importancia como punto de inflexión na arquitectura.