Nova: A biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, celebra o seu décimo aniversario premiando a súa socia número 40.000

05/04/2018

A biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, celebra o seu décimo aniversario premiando a súa socia número 40.000

Lucía Iglesias Moure recibiu esta tarde un diploma acreditativo e un lote de libros de mans do secretario xeral de Cultura, que puxo en valor o papel imprescindible da biblioteca como motor da vida cultural da cidade

A conmemoración do aniversario incluíu tamén un contacontos da escritora  Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra

 

  • A biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, celebra o seu décimo aniversario premiando a súa socia número 40.000 A biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, celebra o seu décimo aniversario premiando a súa socia número 40.000
  • A conmemoración do aniversario incluíu tamén un contacontos da escritora  Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra A conmemoración do aniversario incluíu tamén un contacontos da escritora Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra
  • A conmemoración do aniversario incluíu tamén un contacontos da escritora  Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra A conmemoración do aniversario incluíu tamén un contacontos da escritora Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018.- A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebrou hoxe o seu décimo aniversario coa distinción da súa socia de honra número 40.000, Lucía Iglesias Moure, e cun programa de actividades no que non faltaron os contacontos de Paula Carballeira e a música de Mamá Cabra.

O salón de actos da biblioteca acolleu as persoas que se achegaron para celebrar a efeméride, no marco dun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o papel desenvolvido pola Ánxel Casal como “motor da vida cultural da capital galega, como punto de encontro da cidadanía cos libros e coa lectura e como porta de acceso en igualdade á educación, ao coñecemento e á información”.

“Esta biblioteca é parte central da sociedade e da cultura compostelás”, dixo Anxo Lorenzo, quen lembrou a aposta da Consellería de Cultura e Educación por uns servizos bibliotecarios de calidade en todo o territorio da comunidade autónoma galega.

O director da biblioteca, Jesús Torres, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, tamén interviñeron no acto, que contou coa asistencia do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro; da subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e do ex director do centro bibliotecario Daniel Buján, entre outros.

A festa celebración incluíu o contacontos de Paula Carballeira 400 camelos e 40.000 libros, e o espectáculo musical As aventuras de Mamá Cabra, contos que saen dos libros, a cargo de Gloria Mosquera acompañada de Javier Constenla ao piano.

Xornada de celebración

Aínda que o acto central de celebración tivo lugar esta tarde, as actividades conmemorativas comezaron ás 12.00 horas cunha visita guiada para dar a coñecer os espazos e servizos que ofrece o centro. Ademais, o vestíbulo da biblioteca acolle tamén unha mostra bibliográfica coa que se percorre a súa historia.

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, de xestión autonómica, forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coordinada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas da Secretaría Xeral de Cultura. Os centros desta rede constitúen un dos eixes culturais básicos da sociedade actual, xa que facilitan o achegamento da cidadanía á información e á cultura.

Cada día, a Biblioteca Pública Ánxel Casal recibe máis de 1.000 visitas. Con máis de 40.000 socios e socias, o centro conta cunha colección conformada por preto de 158.000 exemplares, ademais de dispoñer de 53 ordenadores de uso público e 418 postos de lectura. En 2017 incorporáronse 3.369 novos usuarios e usuarias, contabilizáronse 154.242 préstamos e desenvolvéronse un total de 492 actividades para todos os públicos.

Comparte