Nova: O realizador Thom Andersen mostra a cara oculta de Hollywood nunha retrospectiva no CGAI

03/04/2018

O realizador Thom Andersen mostra a cara oculta de Hollywood nunha retrospectiva no CGAI

A filmoteca galega dedícalle un ciclo ao profesor norteamericano do 4 ao 12 de abril

O programa repasa a práctica totalidade da súa filmografía, incluíndo a súa obra mestra Los Angeles Plays Itself, elixida pola prestixiosa revista Sight&Sound como un dos mellores documentais da historia do cine

 

A Coruña, 3 de abril de 2018.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acollerá dende mañá mércores e ata o 12 de abril unha retrospectiva case integral do profesor e cineasta norteamericano Thom Andersen. Coñecido sobre todo polo seu cine de montaxe, no que toma treitos de filmes previos para realizar ensaios arredor das políticas de representación en Hollywood, o urbanismo ou conceptos de carácter cinematográfico, fíxose famoso entre a cinefilia especialmente pola súa película Los Angeles Plays Itself, que o CGAI proxecta o mércores 11 de abril.

Neste fita, incluída como un dos mellores documentais da historia na listaxe da prestixiosa revista Sigh&Sound, Andersen realiza un retrato da cidade na que pasou boa parte da súa vida, Os Ánxeles, a través de extractos doutros títulos rodados na urbe. Afastándose da súa imaxe da meca do cine, o realizador toma aquí exemplos de películas que mostran a realidade cotiá e a verdadeira identidade da megalópole. A súa característica voz en off, de vocación pedagóxica, destaca por unha fina ironía como unha das súas principais marcas de estilo.

Procedemento similar segue en Red Hollywood, que o CGAI proxectará o xoves 5 e na que se apoia en filmes clásicos para rescatar algunhas das figuras máis importantes do cine da época no seu país, silenciadas pola caza de bruxas de McCarthy contra o comunismo.

Non é esta a súa única película arredor da historia do cine. A recente The Thoughts That Once We Had, coa que se pecha o ciclo o xoves 12, é unha adaptación persoal dos conceptos do filósofo Gilles Deleuze sobre este ámbito, mentres que curtas como A Train Arrives at the Station (mañá) ou The Tony Longo Trilogy (xoves 5) abordan tamén temas cinematográficos.

Amante do urbanismo e explorador da cidade

A cidade é a gran paixón de Andersen, sexa polo retrato que o cine fai dela, ou porque se sinte atraído polo seu urbanismo. Xa nas súas primeiras curtas nos anos sesenta saía á rúa para atoparse con espazos e persoas, exercicio que repite anos máis tarde en Get Out of the Car (venres 6). Nela, toma a cámara para captar os pequenos recunchos dos Ánxeles agochados polas enormes autoestradas, unha cidade de vías cruzadas con moito que descubrir á beira, con espazos ruinosos que remiten ao pasado.

Este gusto polos espazos arquitectónicos levouno a Portugal a rodar Reconversão, sobre a obra do arquitecto luso Eduardo Souto Moura, caracterizada precisamente pola sublimación da ruína ou a reconstrución a partir dela. A filmoteca pásaa o 5 de abril.

Pero Andersen ten tamén a faceta de profesor no prestixioso centro CalArts, unha das grandes referencias en estudos relacionados coa arte nos Estados Unidos. Alí leva a cabo as súas investigacións que moitas veces se converten en filmes (Red Hollywood, por exemplo, parte dunha delas) ou en artigos, recentemente recompilados no volume Slow Writing: Thom Andersen on Cinema, editado por The Visible Press polo crítico especializado en cine experimental Mark Webber, membro ademais de LUX, principal socio do CGAI á hora de poñer en marcha esta retrospectiva.

 

Comparte