Nova: A Mostra Internacional de Teatro Universitario ofrecerá unha trintena de espectáculos

23/03/2018
A Mostra Internacional de Teatro Universitario ofrecerá unha trintena de espectáculos
A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación deste evento cultural que se desenvolverá do 12 ao 28 de abril e que amosará preto de 30 representacións en diversos espazos da cidade
Ourense, 23 de marzo de 2018.- A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) presentou hoxe a programación da súa vixésimo terceira edición, que do 12 ao 28 de abril desenvolverá preto de 30 representacións e numerosas actividades paralelas en diversos espazos da cidade das Burgas. A Xunta volve colaborar con esta iniciativa, a través da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa de presentación deste certame e destacou a colaboración das distintas institucións que a apoian e o compromiso e o traballo dos seus organizadores. Grazas a MITEU “a nosa cidade convértese nun espazo de encontro de intérpretes, directores, e público onde se dan a coñecer propostas artísticas achegadas desde distintos lugares e se ofrece unha oferta de calidade cunha ampla proposta de xéneros e estilos”, indicou Díaz Mouteira, ao tempo que lle desexou éxito aos organizadores.
O acto tamén contou coa presenza do vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; o técnico de Cultura do concello de Ourense, Manuel Freire; e o director da mostra, Fernando Dacosta.
A edición deste ano conta coa participación de compañías e grupos universitarios achegados desde Portugal, Marrocos, Perú, Italia, Guinea Ecuatorial e Canadá, xunto con formacións galegas e doutras comunidades españolas. A MITEU é unha das citas de referencia do teatro galego por traxectoria, contidos e resposta do público.