Nova: A Xunta e o Consello da Cultura Galega recuperan os Alalás na sexta edición de No bico un cantar

09/03/2018
A Xunta e o Consello da Cultura Galega recuperan os Alalás na sexta edición de No bico un cantar
Betanzos acollerá o 1 de xuño o concerto dirixido por Maximino Zumalave no que participan preto de 500 estudantes dos conservatorios galegos
Nesta edición, por vez primeira, escóllese unha temática de tradición popular no canto de figuras da literatura galega e, ademais, ponse música a un autor vivo
Santiago de Compostela, 09 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega presentaron hoxe a sexta edición do programa lúdico-musical No bico un cantar, iniciativa que xunta poesía e mocidade cun formato de concerto coral formado por voces procedentes de toda Galicia. Nesta ocasión, por vez primeira, escóllese unha temática de tradición popular no canto de figuras da literatura galega.
É esta unha iniciativa que “pon en valor a importancia da poesía e da música como vehículos de transmisión cultural ao longo da nosa historia”, destacou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación. “No bico un cantar é un proxecto extraordinario en moitos sentidos, xa que permite aos rapaces e rapazas amosar os seus coñecementos en público, pon en valor o traballo das escolas e conservatorios e dos seus profesores e fomenta valores como a solidariedade, o traballo en equipo, a disciplina ou a asunción de responsabilidades”, engadiu Anxo Lorenzo.
Na rolda de prensa participaron, canda o secretario xeral de Cultura, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o director artístico do concerto, Maximino Zumalave e a concelleira de Cultura do concello de Betanzos, María Barral.
O vindeiro 1 de xuño cantaranse en Betanzos os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas e haberá tamén oco para a estrea do Alalá á vella maneira, de Manuel Rivas. Esta obra constitúe un pequeno fito na traxectoria deste programa xa que é a primeira vez que se pon música á obra dun autor vivo. Ata Betanzos desprazaranse estudantes dos conservatorios profesionais das sete cidades de Galicia, aos que se sumarán os doutras escolas de música da comarca para iniciar unha xornada de convivencia que comeza co ensaio da mañá, o primeiro e único en común e que remata co concerto pola tarde no municipio betanceiro.
O pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto, que xuntará un singular coro formado por preto de cincocentos nenos e nenas. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto.
Os alalás
Esta edición do concerto de No bico un cantar escolle os Alalás, un tipo de canto popular que carece dunha definición estrita e que ten unha gran presenza na nosa tradición musical. Caracterízase por ser unha peza de canto libre, sen estrutura fixa que tivo moita forza na tradición galeguista como canto melancólico do serán vencellado en moitos casos á xente moza. Este ano cantaranse os Alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas. Ademais, e seguindo coa liña habitual de cada ano, estrearase unha peza que neste caso será o Alalá á vella maneira, con letra de Manuel Rivas e música da compositora Teresa Bretal Martínez. O programa rematará coa interpretación do Maio longo, de Rosalía de Castro, convertido en todo un referente deste certame.
No bico un cantar
Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poñer en valor poetas recoñecidos da nosa terra, pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista dun concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez; nesa edición estreouse a versión musical do poema de Curros Nouturnio que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas. Un anos despois, en 2016, foron os trobadores medievais da ría de Vigo os protagonistas do concerto que tivo lugar en Cangas. A última edición, de 2017, trasladounos a Mondoñedo, onde os coros infantís cantaron obras dos poetas mindonieneses.