Nova: A descrición normalizada de autoridades nos arquivos protagoniza unha xornada de reflexión

05/03/2018
A descrición normalizada de autoridades nos arquivos protagoniza unha xornada de reflexión
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018.- Unha trintena de profesionais do ámbito arquivístico participan hoxe na Cidade da Cultura na iniciativa A descrición normalizada de autoridades nos arquivos, unha xornada de formación promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Subdirección Xeral de Arquivos. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita, deulles a benvida aos participantes na xornada, que ten como principais obxectivos afondar no procedemento de descrición normalizada de entidades arquivísticas e as súas relacións, no traballo por proxectos ou na interoperabilidade dos arquivos do Estado con outros sistemas arquivísticos europeos e internacionais.
A actividade, que se desenvolverá ata as 19:00 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia, está ao cargo da funcionaria do Corpo Facultativo de Arquiveiros e Bibliotecarios do Estado Ana López Cuadrado, que traballa no Centro de Información Documental de Archivos como responsable da Área de Normalización. Ademais de coordinar o Censo Guía de Archivos de España e Iberoamérica e os traballos de normalización de autoridades arquivísticas dentro da Plataforma PARES, Ana López forma parte do equipo de Goberno do Portal Europeo de Arquivos desde 2017.