Nova: Entregados os galardóns do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

28/02/2018
Entregados os galardóns do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Marcos Abalde e Avelina Pérez recibiron os premios do xurado e da audiencia, respectivamente, polas obras Psicofonías e Alianzas
Os catro traballos finalistas da undécima edición do certame acaban de ver a luz nun libro-CD que estará accesible de xeito gratuíto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018.- A Radio Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entregaron hoxe os galardóns do XI Premio Cultural de Teatro Radiofónico. Marcos Abalde recolleu o premio do xurado pola súa obra Psicofonías e Avelina Pérez fíxose merecedora do premio da audiencia por Alianzas. Cada un dos galardóns está dotado con 3.000 euros.
O acto de entrega, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, tivo lugar no marco dun programa especial do Diario Cultural e incluíu entrevistas cos premiados e finalistas, e con membros do xurado, ademais de ofrecer emisións de diferentes fragmentos das obras gañadoras e das finalistas: Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde, e Proxecto tempo, de Clara Gayo.
Publicación e gravación das obras finalistas
As catro obras finalistas acaban de publicarse nun libro-CD, que se presentou hoxe no marco do programa. A publicación, promovida pola Radio Galega e a Secretaría Xeral de Cultura, inclúe os textos das obras e tamén os audios das súas adaptacións radiofónicas. O volume estará dispoñible na Libraría Institucional da Xunta de Galicia, en https://libraria.xunta.gal/, tanto para descarga en liña como para solicitar a obra impresa, co pago unicamente dos portes do envío.
A colección do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico consta na actualidade de 11 volumes con 37 obras inéditas publicadas e as correspondentes adaptacións radiofónicas.
O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director da compañía Ibuprofeno, Santiago Cortegoso, responsable tamén da adaptación radiofónica das obras; o crítico de teatro Antón Lopo; Eva F. Ferreira, gañadora da edición anterior; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e mais Ana Romaní, directora do Diario Cultural.
Fomento da escrita teatral para o medio radiofónico
Convocado pola Radio Galega co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.