Nova: A derradeira leición do mestre, de Castelao, será exposta por primeira vez en Galicia

16/02/2018
A derradeira leición do mestre, de Castelao, será exposta por primeira vez en Galicia
A Xunta asina un acordo para expor por vez primeira en Galicia A derradeira leición do mestre de Castelao
O conselleiro de Cultura presenta a viaxe desta obra como “un recoñecemento a Castelao” e “unha homenaxe á Galicia da diáspora”
O presidente do Centro Galicia de Bos Aires asegura que contemplar este cadro é “tomar conciencia da aportación dos galegos da emigración á nosa cultura”
O Consello da Cultura, a Real Academia Galega, a Real Academia de Belas Artes e a Fundación Castelao arrouparon a firma deste acordo
O óleo exhibirase en outono na Cidade da Cultura na exposición Castelao Maxistral, comisariada por Miguel Anxo Seixas
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, asinaron esta mañá un acordo en virtude do cal o cadro A derradeira leición do mestre, unha das obras máis senlleiras pintadas por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sairá por primeira vez de Arxentina para ser exhibida en Galicia.
A cesión brindará aos galegos a oportunidade de contemplar este óleo no marco dunha exposición temporal titulada Castelao Maxistral que se organizará na Cidade da Cultura o próximo outono. A mostra estará comisariada por Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao e que vén de presentar a súa tese de doutoramento, un dos traballos de investigación máis completos sobre o intelectual e artista de Rianxo.
O conselleiro de Cultura presentou a viaxe da obra a Galicia como “unha mostra de recoñecemento a un dos autores máis universais e que máis fixeron na defensa da nosa cultura e da nosa identidade colectiva como pobo”, e destacou o forte contido simbólico do cadro no que Castelao retratou a imaxe dun mestre asasinado diante de dous rapaces que se laian conmocionados.
“Este cadro é unha referencia persoal e afectiva para moitas xeracións, que desde a emigración ou permanecendo na terra, sufriron a dureza dunha guerra e dunha represión que deixaron fonda pegada no noso imaxinario colectivo”, asegurou Román Rodríguez, subliñando que traer esta obra significa unha “reconciliación con ese pasado”.
Homenaxe aos mestres
Lembrado o papel xogado polos galegos da diáspora no impulso da educación en Galicia, financiando centros escolares desde o exterior, o titular de Cultura destacou tamén a “homenaxe á educación” que representa a obra de Castelao.
O conselleiro fixo tamén fincapé en que esta exposición reivindica un concepto de galeguidade que transcende o territorio e dirixe a nosa atención sobre o rico patrimonio cultural que se produciu na Arxentina e en tantos outros países onde se estableceron comunidades de galegos emigrantes.
Nese senso, Román Rodríguez expresou o seu agradecemento ao Centro Galicia de Bos aires pola súa xenerosidade, e o seu recoñecemento “polo traballo incansable pola expansión da nosa cultura durante moitas décadas” .
Galicia da diáspora
Pola súa banda, José María Vila Alén manifestou que o Centro Galicia de Bos Aires “é custodio, pero a obra pertence a toda emigración, e a todos os galegos da Terra e do Mundo”. “É moi importante que os galegos da Terra comprendan o que fixo e fai a emigración e que esa emigración forma parte desa Galicia Universal", engadiu, destacando que o feito de contemplar o cadro de Castelao é xa “unha toma de conciencia” da contribución da Galicia da diáspora ao patrimonio cultural e artístico de Galicia.
Nun xesto que acredita a transcendencia para Galicia da chegada desta obra, o texto do convenio foi asinado tamén polos presidentes da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e do Consello da Cultura, Ramón Villares. Sumáronse á firma o secretario do Centro Galicia de Bos Aires, Cristian Moares, e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, en calidade de Membro de Honra do Centro Galicia.
O acto contou coa presenza do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, do presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, así como de Francisco Javier Baltar Tojo, membro do padroado da Fundación Bibliófilos Galegos, e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
O acordo prodúcese despois dunha negociación que iniciou o conselleiro de Cultura, durante a súa viaxe a Bos Aires con motivo da última edición da Feira do Libro. A Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, está a precisar agora as condicións técnicas deste préstamo co fin de conseguir que o traslado desde a Arxentina se realice coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados.