Nova: Cultura abre o prazo de presentación de actividades para o programa Ler conta moito

04/02/2018
Cultura abre o prazo de presentación de actividades para o programa Ler conta moito
Poden concorrer todas as empresas dedicadas profesionalmente á realización de actividades de estímulo da lectura e o prazo remata o 11 de febreiro
As propostas conforman o catálogo no que as bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia escollerán as accións a desenvolver durante o ano 2018
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o prazo para que as empresas que se dedican profesionalmente a actividades de estímulo da lectura presenten as súas propostas, destinadas a conformar o catálogo do programa Ler conta moito 2018. O prazo de presentación de solicitudes está aberto entre os días 2 e 11 de febreiro.
Cada nova edición deste programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, que chega á sétima este ano, confórmase un catálogo de actividades de dinamización da lectura realizadas por profesionais ou colectivos con experiencia neste ámbito. Unha vez que o catálogo se pecha, os responsables das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura e Educación, escollen nel as actividades que máis lles interesan para desenvolvelas nas súas instalacións.
As propostas inclúense en distintas categorías: obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, actividades de dinamización con música, teatro e danza, exposicións e itinerarios guiados. Os propios profesionais deben delimitar no seu proxecto os públicos aos que se dirixen, entre bebés: 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos e colectivos con necesidades especiais.
Cada empresa pode presentar ata dúas ofertas e o custo máximo por cada actividade non pode superar os 500 euros, segundo se establece nas bases da convocatoria, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://rbgalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/catalogo-ler-conta-moito-2018.
Ler conta moito
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas da Rede promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración cos concellos. A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.
A Xunta de Galicia pretende con este programa animar á lectura, desenvolvendo accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro.