Nova: Comeza a transformación do baleiro deixado pola ópera do Gaiás nun gran xardín

26/01/2018
Comeza a transformación do baleiro deixado pola ópera do Gaiás nun gran xardín
Esta área, denominada Xardín do Teatro, terá custo cero xa que se financiará con fondos previstos para a urbanización da Cidade da Cultura
O proxecto suporá unha intervención de 11.574 metros cadrados e contará cun estanque, un auditorio ao aire libre e áreas para xogos e deportes urbanos
A actuación resolve o impacto estético negativo deixado polo oco do edificio non construído
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de pór en marcha a transformación do baleiro deixado pola paralización do Teatro da Música do Gaiás nun xardín de 11.574 metros cadrados, denominado Xardín do Teatro, que contará con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza.
A intervención terá custo cero para a Xunta xa que se financiará a través dunha reestruturación dos orzamentos xa aprobados para a Cidade da Cultura, transferindo a esta actuación unha partida de 1,8 millóns de euros consignados á segunda fase da urbanización do complexo.
Con esta área verde, avánzase no plan para optimizar o uso dos espazos exteriores e resólvese o impacto estético negativo que supón o oco deixado pola paralización do Teatro da Música. O proxecto enmárcase no Plan de Humanización do Gaiás, un programa de actuacións no que se está a desenvolver a segunda fase do Bosque de Galicia e no que se levou a cabo o Xardín Literario –como solución ao baleiro deixado polo outro edificio non rematado-, o Parque do Lago e o da Balea.
Diversidade e universalidade
A proposta seleccionada para o Xardín do Teatro foi a do estudio de arquitectura de Compostela RVR, desenvolvida conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de “diversidade” e de “universalidade”, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, completando así ao Bosque de Galicia, que aposta polas árbores autóctonas. As obras estarán finalizadas en 2019.
En total plantaranse 3.840 plantas e 187 árbores de 30 especies procedentes de zonas con clima oceánico e temperado, de países como O Xapón, Nova Zelandia, a costa noroeste dos Estados Unidos ou a costa sur de Chile. Ademais, contará cun estanque, un escenario ao aire libre, áreas de xogos, equipamento para deportes urbanos, así como sendeiros e puntos de descanso.
Na escolma das árbores, ademais do criterio xeográfico e de adecuación ao clima de Galicia, buscáronse especies que ofrecesen contrastes cromáticos atractivos na cor das follas nas distintas estacións. Todas son de folla caduca, con porte entre 15 e 25 metros e con forte coloración no outono, de xeito que os verdes da primavera mudarán en mesturas de roxos, laranxas, amarelos, cobres ou púrpuras. Así, o visitante atopará pradairos, carpes, faias, lodoeiros, acacias, olmos, freixos, árbores do ferro ademais de carballos, salgueiros, bidueiros ou ameneiros, entre outras variedades.
En canto ás herbáceas, no xardín medrarán plantas aromáticas que enriquecerán a visita cunha compoñente olfactiva (xasmín, romeu, salvia, lavanda...). Xunta a elas, atoparanse tamén acuáticas (xuncos, xacintos de auga...) e rubideiras (hedra, parra...), que gabearán cubrindo parte das estruturas de obra e xerando unha integración co conxunto de proxecto.
II Fase do Bosque de Galicia
Actualmente están en marcha a II Fase do Bosque de Galicia, que ampliará esta zona verde que se está a xerar nas ladeiras do Gaiás ata chegar ás 34 hectáreas e os 12.000 árbores novos, todas eles de especies autóctonas.
De xeito simbólico e para subliñar que se trata dun bosque de todos os galegos, a Fundación Cidade da Cultura ten en marcha o programa ‘Ponnos verde! Planta unha árbore no Bosque de Galicia’, na que decenas de galegos están a participar na plantación desta segunda fase, unha iniciativa en colaboración coa Fundación USC Deportiva da Universidade de Santiago.
O Xardín do Teatro e o Bosque de Galicia forman parte dos espazos verdes do Gaiás, que inclúen o Parque da Balea, un área de lecer infantil inspirada no universo de Urbano Lugrís, o Xardín Literario, dedicado aos escritores e poetas galegos, e o Parque do Lago, unha zona verde de 50.000 metros cadrados, resultado dun proxecto de rexeneración medioambiental.