Nova: PequeFilmes levará máis dun cento de curtas infantís á Cidade da Cultura

12/01/2018

PequeFilmes levará máis dun cento de curtas infantís á Cidade da Cultura

No festival, que se celebra 20 e 21 de xaneiro, participan curtametraxes de 33 países dos cinco continentes que foron premiados e seleccionados en festivais internacionais como o Clermont-Ferrand, o máis prestixioso neste xénero audiovisual

Ás seccións Miñocas e Fanecas, dirixidas a público de entre 4 a 13 anos, engadiráselles a de Vagalumes para bebés

Coa colaboración da Agadic, cóntase, de novo, cos premios do público e haberá tamén obradoiros para que a cativada descubra o funcionamento do cinema

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura e en colaboración coa Agadic, impulsa a segunda edición do Festival de curtas infantís, PequeFilmes. Este certame pioneiro en Galicia ofrecerá a posibilidade de ver nunha soa fin de semana –a do 20 e 21 de xaneiro– máis dun cento de fitas, distribuídas en 23 sesións e procedentes de 33 países dos cinco continentes, que serán completadas con obradoiros de creación e experimentación cinematográfica, tamén dirixidos á cativada.

Tras o éxito da anterior edición na que participaron 1.500 rapaces e rapazas, as instalacións do Museo Centro Gaiás volverán converterse nunha gran sala de cinema para proxectar unha escolma de traballos —seleccionados coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe da Agadic— e moitos deles premiados en festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo: Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest e o prestixioso Clermont-Ferrand, que contará en PequeFilmes cunha sesión específica só de curtas procedentes deste relevante certame internacional.

A programación de PequeFilmes recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia, ademais de que se converte nunha oportunidade única para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.

Do mesmo xeito, ao igual que na edición anterior, tamén se levarán a cabo unha serie de obradoiros formativos cos que os cativos descubrirán de primeira man o funcionamento do cinema de animación.

Proxeccións por idades

Tamén haberá novidades nesta edición nos tramos por idades. Así, en PequeFilmes 2018 ás seccións Miñocas (dirixida a rapaces de entre 4 e 8 anos de idade) e Fanecas (de entre 9 e 13) engádeselle como nova categoría fóra de concurso Vagalumes, orientada ao público máis cativo, de entre 0 e 3 anos.

Complétase, desta forma, unha oferta integral, que abarca todas as etapas da infancia, á vez que cada grupo de público terá unha proposta axeitada a súa idade, intereses e gustos. As curtas seleccionadas ofrecen unha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento.

Tres sesións de balde

Ademais destas tres seccións, artelladas por tramos de idades, PequeFilmes contará con outras tres de balde, cuxas curtametraxes non entran nas votacións do público. As entradas recolleranse o mesmo día das proxección no Museo Centro Gaiás.

Trátase da sección Cinema en Curso, no que se proxectarán curtas realizadas en colexios e institutos dentro do programa estrutural, co mesmo nome, que desenvolve as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo; o ciclo Pequeseries; e Carta Blanca Clermont-Ferrand, con fitas seleccionadas e cedidas por este prestixioso festival internacional a PequeFilmes.

Premios do público

Tras o visionado das curtas, o público poderá valorar o filme, coa intencionalidade de que, ao final do festival, se concedan premios —grazas á colaboración da Agadic— ás curtas que máis gustaron. Deste xeito, terase en conta a súa ollada crítica para outorgarlles os dous premios (Miñocas e Fanecas) aos mellores traballos exhibidos.

Con esta participación, PequeFilmes ofrécelles aos cativos vivir a experiencia —e seguro que por primeira vez para moitos— de que o seu criterio sexa valorado, á vez que se fomenta neles unha ollada crítica e curiosa, semente de futuros cinéfilos.

Obradoiros

Xunto ás proxeccións, PequeFilmes ofrecerá tamén nesta edición diversos obradoiros nos que pesa por igual a súa vertente formativa como a de experiencia. Deste xeito, os rapaces e rapazas máis novos (de máis de 4 anos, incluídos na categoría de PequeFilmes Miñocas) poderán facerse coa entrada para realizar animación en stop-motion con obxectos e crear unha banda sonora para unha película. Pola súa banda, os cativos de máis de 9 anos (sección de PequeFilmes Fanecas) realizarán unha pequena curtametraxe animada a partir do uso dunha mesa de luz virtual.

Tanto para estes obradoiros, como para asistir as sesións de PequeFilmes nas categorías de Vagalumes, Miñocas e Fanecas, as entradas están xa á venda en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás. Máis información en www.cidadedacultura.gal

 

Comparte