Nova: Unha ofrenda floral para conmemorar o aniversario do falecemento de Valle - Inclán

05/01/2018
Unha ofrenda floral para conmemorar o aniversario do falecemento de Valle - Inclán
Román Rodríguez destaca a aposta do CDG por Valle Inclán cunha nova representación en galego este ano
O conselleiro de Cultura participou na tradicional ofrenda floral no cemiterio de Boisaca polo aniversario do pasamento do autor
O espectáculo de Divinas palabras sucede a Martes de Carnaval, que o ano pasado realizou 33 funcións e congregou preto de 6.000 espectadores
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe a aposta que está realizando o Centro Dramático Galego (CDG) en torno ás obras de Ramón María del Valle-Inclán, posto que este ano estrearase a primeira versión en galego da obra Divinas palabras, o fito principal da programación do CDG nesta temporada. Así o salientou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia con motivo da tradicional ofrenda floral no cemiterio de Boisaca polo aniversario do pasamento do autor.
Cómpre destacar que esta nova representación súmase á posta en marcha o ano pasado con Martes de Carnaval, que realizou 33 funcións en 11 teatros de Galicia e Valencia, concretamente no Festival Tercera Setmana. As diferentes representacións congregaron a preto de 6.000 espectadores.
Durante a súa intervención no acto de homenaxe, Román Rodríguez recordou a Valle-Inclán como “un referente canónico da cultura galega, española e mesmo mundial”. O conselleiro animou a relembrar o legado de Valle-Inclán, posto que na actualidade está considerado como “un dos grandes renovadores da novela do século XX e a máxima figura, xunto con Lorca, do teatro español contemporáneo”.
No acto tamén participaron o vicepresidente da Fundación Valle-Inclán, José Juan Durán, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.