Nova: A música no século XXI, unha xornada para a reflexión sobre os retos do sector

19/12/2017

A música no século XXI, unha xornada para a reflexión sobre os retos do sector

A Xunta apoia a Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago na organización deste encontro, que terá lugar o 12 de maio na Cidade da Cultura dentro dos actos conmemorativos do 170º aniversario da formación compostelá

Contarase coa participación de figuras como Antón García Abril, José Rafael Pascual Vilaplana e Joan Matabosch

 

  • Imaxe: Facebook da Banda Municipal de Santiago de Compostela Imaxe: Facebook da Banda Municipal de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017.- A Xunta apoia a Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago na organización da xornada profesional A música no século XXI, que terá lugar o 12 de maio de 2018 na Cidade da Cultura de Galicia. Este encontro multidisciplinar, inserido no programa co que a devandita asociación conmemora o 170º aniversario da formación compostelá, contará coa participación de destacadas personalidades do sector a nivel estatal para reflexionar sobre a súa situación actual e abordar os seus retos máis inmediatos.

A xornada foi presentada esta tarde coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Javier Loira, presidente da Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago de Compostela; e Ramón Castro, en representación dos músicos desta formación. Durante o acto, soaron ademais as pezas Fanfare, de Paul Dukas, Danzas renacentistas, de Tylmann Susato, e Classical Medley, de Jeon Hun, interpretadas por un quinteto de metal de músicos da banda.

O director da Agadic enmarcou o apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa no traballo que se vén desenvolvendo desde a Consellería de Cultura e Educación a prol deste tipo de agrupacións, no que se insire así mesmo a colaboración continuada coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Subliñou igualmente a relevancia dunha efeméride como a que celebra a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e que a asociación tamén ten previsto conmemorar con outras actividades.

Declaración multidisciplinar

En canto ao programa da xornada A música no século XXI, Jacobo Sutil explicou que o seu principal obxectivo é “redactar e aprobar unha declaración multidisciplinar que afonde nos aspectos legais, docentes, artísticos e, sobre todo, de sustentabilidade actual e futura das bandas de música”.

Contarase para tal fin con figuras tan destacadas como o compositor Antón García Abril, o director de orquestra e tamén compositor José Rafael Pascual Vilaplana ou o director artístico do Teatro Real de Madrid, Joan Matabosch.

Participarán, ademais, representantes políticos e institucionais, así como recoñecidos profesionais doutros sectores, para abordar desde múltiples perspectivas as principais cuestións que lle afectan ao sector: o marco lexislativo, a educación, a sustentibilidade social e económica, o papel das administracións ou a saúde laboral, entre outras.

Comparte