Nova: As subvencións para festivais do sector audiovisual acadarán os 140.000 euros en 2018

18/12/2017

As subvencións para festivais do sector audiovisual acadarán os 140.000 euros en 2018

Reforza a liña ascendente no orzamento destinado a esta convocatoria anual, que experimenta un aumento do 21,7% respecto a 2017

O DOG publica hoxe as bases destas axudas, a través das que se apoia o labor de difusión da produción cinematográfica e/ou televisiva galega que levan a cabo estes encontros

 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das súas subvencións de 2018 para festivais galegos do sector audiovisual, ás que destina un orzamento de 140.000 euros. Esta contía supón un aumento do 21,7% na súa dotación respecto a 2017, reforzando así a liña ascendente dos últimos anos nas contías reservadas para estas axudas, con incrementos do 9,5% en 2017 e do 16% en 2016.

Entre os requisitos para optar ás subvencións están que estes festivais teñan lugar entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, posúan unha duración mínima de catro xornadas con polo menos 20 proxeccións e teñan realizado tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de filmes producidos en Galicia ou dirixidos por profesionais galegos.

A Agadic convoca por quinto ano consecutivo este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. O obxectivo é optimizar e sistematizar a adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para este fin se distribúe de acordo cunha serie de criterios obxectivos. Unha comisión integrada por expertos independentes será a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

O prazo de solicitude abrirase mañá e manterase operativo ata o 18 de xaneiro de 2017. Como se especifica nas bases que poden consultarse no seguinte enlace do DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171218/AnuncioG1097-041217-0001_gl.html, as instancias deberán presentarse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no web https://sede.xunta.gal, vía que é obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes das anteriores.

 

Comparte