Nova: Paco López-Barxas presenta Confieso que he leído, unha escolma das súas críticas literarias ao longo de 35 anos

18/12/2017
Paco López-Barxas presenta Confieso que he leído, unha escolma das súas críticas literarias ao longo de 35 anos
A Consellería de Cultura e Educación apoia a publicación desta obra, con limiar de César Antonio Molina e editada por Hércules de Ediciones
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destaca o seu carácter de libro de libros que funciona como guía e consello para o lector
A Coruña, 18 de decembro de 2017.- O xornalista, escritor e crítico Paco López-Barxas presentou hoxe na Coruña o seu último libro, Confieso que he leído, unha escolma das súas críticas literarias publicadas en distintos medios de comunicación entre 1979 a 2014. O libro, con limiar de César Antonio Molina e editado por Hércules de Ediciones, conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación.
Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a obra é un “libro de libros, pois o autor fai un labor de intermediario entre os autores dos que fala e os lectores aos que se dirixe”. “O resultado –indicou– son estes 101 comentarios literarios, 101 autores aos que Paco se achega de xeito non só académico en sentido estrito, senón dunha forma que lle permite transmitirlle ao lector a información precisa espertarlle o interese na lectura desas obras”.
Ademais do autor e do secretario xeral de Cultura participaron na presentación o presidente de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez, e o profesor da Universidade da Coruña José Miguel Giráldez.
O libro está estruturado en tres partes: literatura galega, literatura española e outras literaturas. Cada comentario literario reprodúcese coa referencia da data e do medio no que viu a luz en orixe e na lingua na que foi publicado. No apéndice final recóllense as traducións ao castelán dos escritos publicados en galego.
O autor
Paco López-Barxas (Ourense, 1952) é licenciado en Literatura Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, cidade na que viviu durante 21 anos vinculado ao ensino, ao xornalismo cultural e á crítica literaria nos principais xornais e revistas do país. De regreso a Galicia, en 1991, dirixe Xornal Diario (Pontevedra), é responsable de comunicación do Consorcio de Santiago e redactor xefe da Televisión de Galicia.
No Goberno da Xunta de Galicia foi director xeral de Promoción Cultural e director xeral do Libro. Confieso que he leído é o último volume publicado tras outros libros de ensaio, narrativa infantil e edicións críticas.