Nova: O Ano Pondal pecha na Coruña os actos conmemorativos arredor do autor do himno de Galicia

16/12/2017

O Ano Pondal pecha na Coruña os actos conmemorativos arredor do autor do himno de Galicia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, encomiou a figura dun dos principais autores do Rexurdimento, así como o labor da Fundación que leva o seu nome por difundir e poñer en valor a súa obra

  • Eduardo Pondal | Imaxe: Wikimedia Eduardo Pondal | Imaxe: Wikimedia

A Coruña, 16 de decembro de 2017.- Un recital de versos e unha ofrenda floral nos Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, ao pé do busto de Eduardo Pondal, foi o marco escollido para o peche das actividades conmemorativas do Ano Pondal, con motivo do centenario do pasamento do autor do himno de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aproveitou a súa intervención neste acto para gabar a obra e a figura do escritor pontecesán, ao que definiu como “piar do noso Rexurdimento”. Tamén subliñou o traballo levado a cabo pola Fundación Eduardo Pondal, que deseñou cen actos para dar a coñecer e poñer en valor a traxectoria do bardo bergantiñán.

Así mesmo, o conselleiro aproveitou para agradecer o importante traballo colaborativo das tres Fundacións do Rexurdimento (a Rosalía de Castro e a Curros Enríquez, ademais da mencionada Eduardo Pondal) para honrar, salvagardar e difundir o legado dos tres autores que representan, como elementos clave que son da nosa lingua e da nosa cultura.

O acto -organizado pola Fundación Eduardo Pondal- contou coa presenza do seu presidente Xosé María Varela; do secretario xeral de Política Lingüística Valentín García; e do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido; e o concelleiro de Cultura da Coruña, José Manuel Sando, entre outros. Tamén asistiron unha representación de alumnos de centros educativos de Ponteceso (cidade natal de Pondal) e de Mondoñedo (de onde era orixinario Pascual Veiga, que musicou os versos do himno de Galicia).

 

Comparte