Nova: O terceiro encontro Conecta+ impulsará 18 proxectos audiovisuais galegos

14/12/2017
O terceiro encontro Conecta+ impulsará 18 proxectos audiovisuais galegos
O evento, que terá lugar o sábado 16 no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña, porá en contacto os creadores das propostas seleccionadas cos representantes de destacadas produtoras de dentro e fóra de Galicia
As asociacións CREA, Agag e Agapi organizan esta xornada profesional coa colaboración da Agadic e Galicia Calidade, entre outras entidades
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) volve colaborar coa organización do encontro audiovisual Conecta+, que celebra a súa terceira edición este sábado 16 no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña. O evento, no que se darán cita uns 35 profesionais de toda España, seleccionou 18 proxectos galegos de cinema e televisión para lles dar a oportunidade aos seus creadores de entrar en contacto directo cos responsables de empresas produtoras de dentro e fóra de Galicia.
A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (Agag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) organizan esta iniciativa, que conta tamén co apoio de Galicia Calidade e da Fundación SGAE. O obxectivo é proporcionarlles os directores e/ou guionistas galegos unha plataforma desde a que dar a coñecer as novas propostas nas que están a traballar na procura de produtores que invistan na posta en marcha destes títulos.
Xérase así unha ponte entre as ideas e o mercado audiovisual, encamiñada a dotar os proxectos de viabilidade económica e promover a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución. Con tal fin, a organización convidou os responsables de empresas galegas como Bambú, Vaca Films, Frida Films, Portocabo, Agallas, Ollovivo e Gaitafilms, e de fóra de Galicia como Nadie Es Perfecto e Irusoin, produtora do filme Handia, que acaba de obter 13 candidaturas aos Premios Goya.
Todos eles participarán nas reunións ‘un a un’ cos creadores dos 18 proxectos, seleccionados entre 31 presentados. Este formato, xa empregado nos anteriores Conecta+, ten demostrado a súa eficacia á hora de establecer unha relación máis directa na busca de intereses comúns que propicien unha futura colaboración e mesmo lles permite os creadores obter orientación para o fortalecemento das súas propostas.
Durante a xornada, que se desenvolverá de 10:30 a 18:00 h, tamén se propiciará a socialización entre o conxunto dos participantes para abordar as cuestións que lles afectan nas diferentes fases do desenvolvemento das producións audiovisuais.