Nova: 120.000 euros en equipamento en melloras de instalacións municipais para actividades culturais na provincia da Coruña

09/12/2017

120.000 euros en equipamento en melloras de instalacións municipais para actividades culturais na provincia da Coruña

Benefícianse un total de once concellos, que recibirán ata o 90 por cento do importe das obras solicitadas, cun tope máximo de 30.000 euros

A Coruña, 9 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das achegas a concellos para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Na provincia da Coruña concedéronse once axudas a outras tantas entidades locais por un importe de preto de 120.000 euros.

A orde está encamiñada á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas públicas municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Dentro desta liña, o Concello da Baña recibe 17.000 euros para actuacións de mellora na biblioteca pública municipal; Arteixo, algo máis de 16.000 euros para supresión de barreiras arquitectónicas; Cabanas, máis de 12.000 euros para unha aula informática e usos múltiples do antigo Concello; Cariño, algo máis de 3.000 euros para investimento en equipamento audiovisual e son na biblioteca pública e no auditorio: e Corcubión completará o equipamento da súa Casa da Cultura con 2.670 euros.

Así mesmo, o Concello de Miño disporá de algo máis de 500 euros para investimentos na biblioteca pública municipal; Oleiros recibe máis de 20.000 euros para incrementar as medidas de seguridade do auditorio Gabriel García Márquez; Oza-Cesuras, 10.600 euros para posta en funcionamento do local cultural de Porzomillos; Teo investirá nas bibliotecas públicas públicas municipais 7.000 euros; Tordoia recibe 11.200 euros para a mellora da accesibilidade na Casa da Cultura; e finalmente o Concello de Vilarmaior empregará 18.600 euros na ampliación do Centro Cultural de Doroña.

Ovidio Rodeiro sinalou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, pretende a mellora das condicións de equipamento e técnicas dos espazos culturais, dándolle prioridade a aquelas zonas menos poboadas de forma que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

Comparte