Nova: O ciclo Vai de cine celebra o audiovisual galego coa proxección das fitas recentes máis premiadas

10/12/2017

O ciclo Vai de cine celebra o audiovisual galego coa proxección das fitas recentes máis premiadas

A Cidade da Cultura acollerá os días 15, 16 e 17 de decembro o visionado dos premiados filmes El desconocido, María y los demás e Mimosas

Faise en colaboración coa Agadic e pretende difundir as creacións audiovisuais de produción galega máis recentes e de maior éxito

Santiago de Compostela, 10 de decembro 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia celebrará, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o ciclo Vai de cine, nunha clara aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola produción audiovisual galega máis recente e tamén máis premiada coa proxección os días 15, 16 e 17 de decembro das fitas El desconocido, María y los demás e Mimosas.

Trátase da proxección dun filme por día nos que se reflicten temáticas moi diferentes, que amosan, deste xeito, a variedade de xéneros nos que traballa o audiovisual galego. No entanto, teñen todas en común que son longametraxes, apoiadas na produción pola Xunta a través dunha subvención da Agadic, e que contan no seu palmarés con prestixiosos galardóns tanto nos premios Mestre Mateo e Goya —caso de El desconocido e María y los demás— como en certames internacionais co filme Mimosas, Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes e cuxo director, o galego Óliver Laxe, está entre os galardoados este ano cos Premios da Cultura Galega.

 

As tres escollidas

A primeira fita en proxectarse o venres 15 na Cidade da Cultura será El desconocido, ópera prima do galego Dani de la Torre, que ten como protagonista tamén ao galego Luís Tosar. Esta fita, de xénero acción e rodada nos exteriores da cidade da Coruña, obtivo 12 galardóns dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo e oito nominacións e dúas estatuíñas nos Goya.

O sábado será a quenda de María y los demás. Trátase da primeira longametraxe da catalá Nely Reguera e rodada integramente en Galicia en 2015, entre A Coruña, Culleredo e Carballo. A película foi a máis premiada na gala da XI edición dos Premios Mestre Mateo, ao levarse 13 premios aos que optaba, entre eles ao mellor guión, en cuxo equipo estaba o escritor galego Diego Ameixeiras.

Pechará o ciclo Vai de cine o filme Mimosas, o wéstern místico do coruñés Óliver Laxe, con multitude de recoñecementos nos circuítos internacionais de cinema independente, xa que foi premiada nos festivais de Sevilla, Cannes e O Cairo. Precisamente, o seu director recibirá na Cidade da Cultura de Galicia, o vindeiro martes, día 12, o Premio da Cultura Galega 2017 na categoría Audiovisual.

 

Entradas

Todas as fitas contaron cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da Agadic, para a súa produción e proxectaranse ás 20 horas no Edificio CINC do Gaiás e a entrada é de 1 euro.

As entradas estarán á venda a partir do luns día 11 de decembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, nos puntos físicos de Ataquilla e en www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500, cos gastos de xestión correspondentes.

Comparte