Nova: 50.000 euros en axudas a entidades locais e institucións sen ánimo de lucro para impulsar a cultura

29/11/2017

50.000 euros en axudas a entidades locais e institucións sen ánimo de lucro para impulsar a cultura

Cultura apoia ás entidades locais e institucións sen ánimo de lucro con axudas por valor de 50.000 €

O DOG publica hoxe a relación de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de carácter afeccionado que reciben axudas públicas este ano

21 asociacións culturais e 12 concellos benefícianse desta liña de subvencións para iniciativas como o Festival dos Eidos, o OurenRock Sound, os Xoves Musicais do Grove ou o Festival de Artes Escénicas de Riós

 

  • Unha imaxe dunha edición de Gadélica | Foto Gadélica Unha imaxe dunha edición de Gadélica | Foto Gadélica

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas a institucións sen fins de lucro, entidades locais e agrupacións de concellos destinadas ao financiamento de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado. Trátase de 21 asociacións culturais e 12 concellos que van recibir axudas por un valor total de 50.000 euros.

A dotación das axudas está destinada ao financiamento dos gastos correntes derivados da realización das actividades subvencionadas, en cuxa selección se valoraron características como a antigüidade do evento, o seu carácter continuado, o seu interese e relevancia artística ou a calidade das programacións. A Consellería recoñece, deste xeito, o importante labor de fomento e de creación de públicos que se realiza desde o ámbito afeccionado.

Esta adxudicación corresponde a unha convocatoria de subvencións que a Secretaría Xeral de Cultura convoca para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, corporacións locais e industrias culturais que desenvolvan un labor cultural e que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Das 33 citas de carácter afeccionado beneficiarias desta convocatoria, 20 encádranse na categoría de música e nove correspóndense a festivais e mostras de teatro. Das catro restantes, dúas son eventos literarios, o III Festival dos Eidos, da Fundación Uxío Novoneyra, de ensino a través da literatura, ao que se lle conceden 2.522,68 euros e o VIII Encontro Internacional de Poesía da Asociación Cultural Círculo Poético Ourensán, subvencionado con 486,30€. A terceira é Gadélica 2017, a segunda edición do encontro contemporáneo interdisciplinar de arte e cultura de vangarda, que se celebra en Sargadelos e que acada 2.223,32€. O obradoiro de técnica vocal e canto coral Rosario Orfebre Vocal, ao que se destinan 560,85 euros, é a cuarta.

Citas consolidadas

En canto á modalidade de festivais musicais, a Consellería apoia eventos consolidados no panorama da cultura de base en Galicia. Así, os 20 adxudicatarios neste apartado son o XXIV Festival de Bandas de Música de Galicia de Vila de Cruces, con 1.223,32 euros; os Xoves Musicais do Grove, con 1.280,76 euros; a VII edición do Live for Madness Metal Fest, con 989,19 euros; o XX Filandón de Músicas do Courel, con 1.570,14 euros; a cuarta edición do Ribeiro Blues WineFestival, con 3.489,67 euros; o Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía, con 3.218,63 euros; o VI Festival Son da Burga, con 168,86 euros; o III Ciclo Ecos da Pedra - Sons da Terra, 1.187,31 euros; e Rois Arrasa, 390,89 euros. O Felipop acada 1.229,99 euros; o Festival OurenRock Sound, 1.946,98 euros; a décima edición do Arteficial acada 892,57€; o Castañazo Rock, 2.524,79€; a XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional 1.921,85 euros; o Morrasound Rock Festival, 2.336,37 euros; o XVII Festival Xironsa, 1.356,20€; o Armadiña Rock 1.859,44 euros; para o XXIV Festival de Bandas de Música de Silleda destínanse 973,49 eruos; o XVI Revoltallo de Música acada 1.243,55 euros; e o III Festival Intercéltico O Son do Pazo, 715,98 euros.

Dentro do ámbito escénico, subvenciónanse o Festival das Artes Escénicas de Riós, con 2.814,25 euros; a Semana de Teatro de Catoira, con 2.251,40 euros; a XI Mostra de Teatro Xosé Agrelo, con 972,79 euros; as Tardes de Teatro no Inverno, con 650,88 euros; a VII Semana de Teatro Cómico de Sarria, con 2.352,24 euros; Teatrofilia 2017. XIV Mostra de Teatro Amador de Vedra, 781,23 euros; o IV Festival Internacional de Teatro Amador, con 1.884,17 euros; a XVIII Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei, con 1.017,45 euros e o certame XXI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, con 963,44 euros.

A resolución desta convocatoria pode consultarse no Diario Oficial (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171129/AnuncioG0164-221117-0002_gl.html).

 

Comparte