Nova: A creatividade literaria galega, protagonista nunha nova xornada da Feira Internacional do Libro de Guadalajara

27/11/2017
A creatividade literaria galega, protagonista nunha nova xornada da Feira Internacional do Libro de Guadalajara
Román Rodríguez visita xunto aos autores e editores galegos o stand da Xunta na Feira Internacional do Libro de Guadalajara
Desde o pasado 25 de novembro ata o 3 de decembro a cultura galega está presente na trixésimo primeira edición da feira, cun espazo propio e cun programa de actos profesionais e para público xeral
María Canosa, Paula Carballeira, Federico Fernández e Mariluz Ferreiro difunden a creación literaria de Galicia con charlas e lecturas poéticas na cita profesional do sector editorial máis importante de Iberoamérica
No marco da visita, o conselleiro de Cultura reuniuse con Marisol Schulz, directora da FIL, para abordar diversas liñas de traballo conxunto
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os tres reitores das universidades galegas e o secretario xeral de Cultura foron recibidos polos autores e editores galegos no stand co que a Xunta participa na trixésimo primeira edición da Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalajara, o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica, que se desenvolve nesta cidade mexicana desde o 25 de novembro até o próximo 3 de decembro.
Neste caso, as letras galegas están representadas por María Canosa Blanco, Paula Carballeira, Federico Fernández e Mariluz Ferreiro. Unha escolma de autores e de autoras pensada particularmente para amosar a forza e vixencia da literatura infantil e xuvenil galega.
A literatura galega será protagonista estes días na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, en México, coa programación de actividades promovida pola Consellería de Cultura e Educación para impulsar a proxección exterior da cultura galega e favorecer novas oportunidades comerciais para o sector editorial galego.
Os autores e autoras participarán en diversas actividades para dar a coñecer a creatividade literaria galega no espazo internacional, con conferencias, contacontos, presentacións, sinaturas de libros e encontros, tanto no marco da programación cultural promovida pola Xunta de Galicia como nas actividades programadas pola organización da feira. A organización da Feira, dentro do programa Ecos de la FIL encargou, ademais, a Paula Carballeira e María Canosa, unha conferencia en cadanseu centro educativo.
Dentro desta estratexia de promoción do sector editorial galego, a Xunta de Galicia dispón na feira dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas. Ademais, Kalandraka, Nova Galicia Edicións e Edicións do Cumio contan cun espazo propio na feira.
Reunións institucionais
O conselleiro e o secretario xeral de Cultura reuníronse tamén coa directora da FIL, Marisol Schulz, para avanzar en posibles liñas de colaboración entre o departamento de Cultura autonómico e a cita de Guadalajara. Na xuntanza tratáronse diferentes aspectos de interese para Galicia.
Proxección do libro galego nas feiras internacionais
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co sector editorial, unha programación desenvolvida en acordo coa Asociación Galega de Editores. Durante este 2017, Galicia participou cun stand propio nas feiras internacionais de Boloña, de Frankfurt e Buenos Aires, ademais de regresar a Liber (Madrid), logo da última presenza institucional en 2011.
Coa presenza de Galicia nas citas esenciais para o sector editorial, o obxectivo da Xunta é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado exterior, apoiar os creadores e fomentar a innovación á hora de editar, distribuír e promover o libro e a literatura galega fóra das nosas fronteiras.
Oportunidade comercial
Coa súa participación nas feiras internacionais do libro, os profesionais do sector teñen a oportunidade de estreitar lazos e de favorecer acordos comerciais con editores e distribuidores de numerosos países americanos. Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros e máis de 2.000 editoriais de case 50 países participan nesta feira, que acada unha cifra de 800.000 visitantes.