Nova: Comeza a preparación dos actos conmemorativos do centenario da Xeración Nós

04/11/2017
Comeza a preparación dos actos conmemorativos do centenario da Xeración Nós
Román Rodríguez convida a administracións e institucións a sumarse á conmemoración do centenario da Xeración Nós que impulsa a Xunta
Así o sinalou o conselleiro de Cultura e Educación con motivo da entrega dos Premios da Crítica Galicia 2017 celebrada hoxe en Vigo, onde expresou os seus parabéns a todos os galardoados
Vigo, 4 de novembro de 2017.- O Goberno galego está traballando na coordinación e vertebración dos actos conmemorativos do centenario da Xeración Nós no horizonte do ano 2020. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con motivo da gala de entrega dos Premios da Crítica Galicia 2017 celebrada hoxe en Vigo.
O responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou que estes galardóns -instaurados en 1978 da man do Círculo Ourensán-Vigués- levan 40 anos de historia xogando un papel esencial “en prol do desenvolvemento e a normalización cultural e lingüística do país, desde unha vocación construtiva, inclusiva e xenerosa”.
Precisamente este legado é o que vai tomar como referencia a Xunta de Galicia para homenaxear á Xeración Nós nos 100 anos da fundación da revista ‘Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega’. “Unha conmemoración o máis ampla, inclusiva e rica posible polo centenario deste grupo de intelectuais que revolucionou a Galicia do seu tempo e ensanchou as nosas fronteiras culturais”, dixo o conselleiro, que aproveitou para convidar a todas as administracións e institucións a participar nesta iniciativa dun xeito coordinado.
Galardoados edición 2017
Os Premios da Crítica instituíronse coa finalidade de facer público o recoñecemento do labor de persoas ou colectivos no eido da cultura galego, en oito modalidades concretas. Na edición deste ano os premiados foron Antonio Manuel Fraga no apartado de Creación Literaria; Marcos Pérez Pena en Investigación; Luis Emilio Batallán en Música; Programa Conciencia en Iniciativas Culturais e Científicas; María Luisa Sobrino en Artes Plásticas; e Flor Maceiras en Artes Escénicas; Festival S8 en Cine e Artes Audiovisuais; e Grupo Nove en Cultura gastronómica.
O conselleiro de Cultura expresoulle os seus parabéns a todos eles polo traballo realizado e pola “importante aportación para Galicia e o noso progreso”. Así mesmo aproveitou para recoñecer o labor de Bieito Ledo como presidente da Fundación Premios da Crítica e organizador deste evento que ao longo das súas catro décadas de historia ten en nómina 250 persoas e institucións galardoadas .