Nova: As bibliotecas celebran en novembro o mes da ciencia en galego con actividades para todos os públicos

30/10/2017
As bibliotecas celebran en novembro o mes da ciencia en galego con actividades para todos os públicos
A programación promovida pola Consellería de Cultura a través das bibliotecas centrais territoriais, das bibliotecas escolares e do labor dos equipos de dinamización da lingua galega inclúe espectáculos de maxia, contacontos, un ciclo de cine dedicado á muller, mostras bibliográficas e obradoiros para experimentar
A catedrática de matemática aplicada da USC Peregrina Quintela é a autora do texto conmemorativo deste ano
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a catedrática de matemática aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Peregrina Quintela, autora do texto conmemorativo deste ano, foron os encargados de presentar o programa, nunha rolda de prensa que tivo lugar hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.
Proxeccións audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas para experimentar, espectáculos de maxia, contacontos, guías de lectura, mostras bibliográficas, documentais, exposicións, conferencias, un certame de microrrelatos matemáticos, repositorios con materiais relacionados coa ciencia en galego e proxectos de investigación son algunhas das propostas que se desenvolverán nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ademais de nos centros de ensino, a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega.
Divulgar ciencia en galego
A divulgación social do coñecemento científico e da importancia da ciencia en todos os ámbitos da vida é, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, o obxectivo central da programación, que inclúe propostas para todos os públicos. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística animou a todos os científicos e científicas, así como á comunidade educativa, a “faceren e a divulgaren ciencia na lingua propia de Galicia, e tamén a poñer en valor as figuras dos referentes galegos da ciencia”. “Como cada ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal, as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego”, concluíu.
As actividades das bibliotecas centrais territoriais, algunhas delas con inscrición previa, poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web www.cultura.gal, que dispón tamén dunha app para descarga en dispositivos móbiles.
Apoio de entidades científicas de referencia
Para o desenvolvemento de boa parte da programación de actividades contouse con algunhas entidades de referencia no campo científico, como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ou o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago; ademais do apoio de institucións como a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.