Nova: O festival Agustín Magán celebra a súa 16ª edición cos espectáculos de seis grupos de teatro afeccionado

27/10/2017
O festival Agustín Magán celebra a súa 16ª edición cos espectáculos de seis grupos de teatro afeccionado
Entre o 29 de outubro e o 1 de novembro, o Salón Teatro e o Teatro Principal de Santiago acollerán a programación deste ano, que tamén inclúe actividades de rúa
Lohengrin Teatro, Paso de Valverde, Teatro Escoitade, Axóuxere Teatro, Andaravía Teatro e O Aturuxo de Melpómene son os grupos protagonistas do festival, promovido pola Fegatea co apoio da Consellería de Cultura e Educación
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017.- O Festival Agustín Magán regresa un ano máis a Santiago de Compostela cunha mostra do teatro amador que veñen realizando en Galicia os grupos afeccionados. Os próximos días 29, 30 e 31 de outubro, e o 1 de novembro, o Salón Teatro e o Teatro Principal acollerán a representación das obras finalistas da décimo sexta edición do festival, unha iniciativa promovida pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)– e que conta tamén co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Obras de diversos estilos e temáticas, que van desde o musical infantil ata o drama lorquiano, pasando pola fábula dramática conforman o cartel da décimo sexta edición do festival, no que seis grupos de teatro afeccionado procedentes de distintas localidades da xeografía galega amosarán desde o domingo e ata o vindeiro mércores as súas propostas.
Propostas escénicas para todos os públicos
A programación comeza este domingo, nas inmediacións do Teatro Principal e do Salón Teatro, con animación de rúa a cargo de Lohengrin Teatro. A formación representará ás 18:00 horas o espectáculo A mirada das bolboretas. As funcións do domingo proseguiran no Teatro Principal. Ás 19:00 horas será a quenda do Grupo de Teatro Paso de Valverde, de Arteixo, coa obra Ás portas, e Teatro Escoitade, de Vigo, pechará a xornada ás 21:00 horas coa fábula dramática Peer Gynt (suite primeira), ambas para todos os públicos.
O luns, o festival comezará a semana no Salón Teatro, ás 19:00 horas, coa compañía Axóuxere Teatro, que levará a escena a obra Quero ser maior!, un espectáculo infantil para nenos e nenas a partir de 7 anos. A sede do Centro Dramático Galego tamén será o escenario do espectáculo do martes, a comedia Maniféstate!, a cargo de Andaravía Teatro.
A xornada de clausura do festival, o mércores 31de outubro, ofrecerá dous espectáculos. O primeiro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, contará co grupo O Aturuxo de Melpómene, de Narón, para interpretar a comedia Misterios. Finalmente, o Agustín Magán baixará o pano da súa 16ª edición ás 21:00 horas no Salón Teatro, con Bernarda, de Lohengrin Teatro.
As entradas para cada función poden adquirirse a un prezo de 3 euros.
Novo pulo para o teatro amador
Desde o seu nacemento, a Federación Galega de Teatro Afeccionado foi ampliando e consolidando un espazo propio para o teatro afeccionado galego. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro. Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro, creando unha programación teatral estable no territorio galego e tamén traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais.
Para contribuír con estes obxectivos, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, coa actividade desenvolvida por Fegatea nos últimos anos, que inclúe, entre outras, actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán e o Circuíto Galego de Teatro Afeccionado.